jueves, 27 de marzo de 2008

Gonzalo Moure na nosa biblioteca.


Gonzalo Moure veunos visitar . As Mariñas Lectoras tiveron a sorte de falar con el de libros (dos seus, dos da súa mocidade, dos dos seus amigos), do Sáhara, dos estudos, de traballos, da vivencia oceánica na escrita, de anxos que gustan das bibliotecas... E agasallounos con palabras como estas:

“Ler fainos máis libres”.

“Ler fainos sufrir”.

“O erro é pensar que as riquezas son as cousas”.

“O libro realmente importante na carreira dun autor é o inicialmente máis inútil. Pensemos no Principiño de Saint Éxupery”.

“Para escribir un libro hai que espirse”.

El dedicounos Son un cabalo, e os compoñentes do clube, agasallárono con Palabras de Caramelo e A noite d'O Risón; seus propios libros, si, pero de seguro que agora lle serán, se cadra, un bocadiño máis especiais, pois levan as propias dedicatorias do noso alumnado.

miércoles, 26 de marzo de 2008

África

Apetécevos viaxar? Ummm! Si, verdade?

Que vos parece un percorrido por Marrocos, Exipto, Kenia, Alxeria? Sentides a calor do sol na pel?
E se seguimos por Mozambique, Ruanda, Sudán?
Que daríades por ver esas postas de sol?
E se nos adentramos en Serra Leona, Gambia,...?
Non vos arrecende a especias, a terra seca, a verxeis?
Sexamos ambiciosos, e por que non toda África?
Non vos preocupedes polos cartos nin polo tempo, atoparedes o vello continente no boletín deste mes: a súa xeografía, as súas xentes, os seus costumes, as súas cores, os seus aromas, as súas linguas, as súas lendas, as súas miserias, as súas ignoradas reivindicacións, as súas esperanzas, o seu pasado, o seu merecido futuro...

As mellores recomendacións de lectura e de cine para saber máis deste marabilloso, descoñecido, olvidado e sorprendete continente.

Á túa disposición na biblioteca ou aquí, no blogue.

martes, 25 de marzo de 2008

Máis preguntas


Cantas espiñas ten o ourizo?
Son os porcos tan cochos?
Son aburridos os ratos grises?
Aos animais, dálles medo a escuridade?
Os coellos reprodúcense como coellos?
Ata onde chegan as formigas?
Choran os crocodilos?
Van os corvos polo ouro?
Na época de celo, as cabras póñense como cabras?
Cantos pés ten o milpés?
É a ovella negra unha marxinada?
Mudan de casa os caracois?
Dormen moito as marmotas?
Nunca está satisfeito o mosquito?
...............................................?
A solución a todas estas preguntas en "¿Tienen los animales que lavarse los dientes?", premio Bolonia de Literatura Infantil 2006.


martes, 18 de marzo de 2008

Por que...?


Por que hai 60 segundos nun minuto?, Por que un metro mide un metro?,Por que circulan os ingleses pola esquerda?, Que significan as letras SOS?, Por que as notas de música se chaman do, re, mi, fa, sol, la, si?, Por que nos damos a man?, Por que o número que calzamos non corresponde ao tamaño do noso pé?, Por que...?


Todas as respostas ás preguntas que nunca te fixeches é unha obra sorprendente que propón máis de 100 cuestións e mostra as súas respostas, tratadas con seriedade... e humor.


Unha viaxe a través da historia, a ciencia e as anécdotas para aprender, interesarse, descubrir... e cachar nas patacas aos país e aos profes! Un libro para consultar mañá, tarde e noite e para sair na procura de asombrosos descubrimentos.

jueves, 13 de marzo de 2008

Amizade

"Afecto persoal, puro e desinteresado, compartido con outra persoa, que nace e fortalécese co trato."

Dous son os títulos sobre este tema que nos atopamos entre as novidades deste mes: Cometas en el cielo e Reencontro. Dúas amizades rotas nun momento determinado aínda que por motivos ben distintos.


Dúas boas recomendacións de lectura.

Cometas en el cielo
Khaled Hosseini
Nun país dividido ao bordo da guerra civil, dous nenos, Amir e Hassan están a piques de separarse para sempre. Numerosas cometas, que participan nun torneo infantil, cruzánse no intenso azul do ceo de Kabul. Pero logo de gañar o torneo, a traizón dun neno atemorizado porá en marcha os mecanismos dunha catástrofe... e o comezo dunha procura épica da redención.
Reencontro
Fred Uhlman
Hans é fillo dun médico xudeu e Konradin é un aristócrata descendente dunha das familias máis vellas de Alemaña. As súas afinidades e o seu xeito de ver as cousas convérteos en amigos íntimos. Pero cando Hitler chega ao poder, Konradin entra no exército nazi e Hans ten que marchar de Alemaña.

martes, 11 de marzo de 2008

Libros +

Segundo a enquisa encargada pola Federación de Gremios de Editores de España esta sería a relación dos 25 libros máis lidos no ano 2007:





Na nosa biblioteca podes atopar a maioría deles: La catedral del mar, Los pilares de la tierra, La sombra del viento, El Quijote, El niño con el pijama de rayas, El capitán Alatriste, El perfume, La sangre de los inocentes, El médico, El último catón, Cien años de soledad, Inés del alma mía e El clan del oso cavernario.

A metade máis un. Non está mal, non?

sábado, 8 de marzo de 2008

As mulleres da biblioteca dan a cara.

Non, non é que as bibliotecarias nos poñamos farrucas. Iso foi o que pensaron algúns cando viron o cartel na porta da biblioteca. Pero ao entraren, xa se decataron do xogo de palabras. As que dan a cara son ese cento de mulleres que viven nos andeis e que por uns días quixemos que fosen as protagonistas sacándoas do seu encorsetado posto entre libro e libro e colocándoas coa capa de cara ao público. Velaí as tedes, en cada andel algunhas das súas representantes: matemáticas, historiadoras, escritoras, biólogas, filósofas... E, como non, as bibliotecarias tamén. E todas, na vosa biblioteca. Um! "biblioteca", "a biblioteca", igualmente feminino . E vós diredes: si, pero é "blogue", "o blogue". Vale. Mais... tamén... "a bitácora", feminina. Cádralle ben, non si?´



jueves, 6 de marzo de 2008

Pearl Buck


Pearl Buck foi unha escritora estadounidense que viviu gran parte da súa vida en China. Escribiu máis de 85 libros, moitos dos cales son novelas que retratan a cultura e os costumes chineses.
A súa produción literaria abarca xéneros tan dispares como o relato, o teatro, o guión cinematográfico, a poesía, a literatura infantil, a biografía e ata un libro de cociña.
Creou tamén diversas fundacións para a unión dos lazos entre a cultura occidental e oriental e defendeu sempre posturas feministas e igualitarias.
En 1932 conseguiu o Premio Pulitzer pola súa obra A boa terra e no ano 1938 o Premio Nobel de Literatura “pola súa rica e exacta descrición da vida rural en China e polas súas obras mestras de xénero biográfico”.

Pearl Buck morreu o 6 de marzo de 1973, fai hoxe 35 anos.

Pearl Buck na biblioteca

lunes, 3 de marzo de 2008

Mochilas ao bus… !

As mochilas viaxeiras xa están preparadas para a súa viaxe. Destino: o fogar dos usuarios da nosa biblioteca, o voso fogar.
Van cargadas de... libros, como non. Pero non son só para vós, alumnas e alumnos do IES As Mariñas, senón tamén para a vosa familia:
Que tal un libro de filosofía para a irmá rebelde?
E un de historia para a avoa contabatallas?
E por que non?, un de poesía para o papá romántico?
E un de aventuras para a mamá superheroína...?
Quen sabe os gustos dos familiares do noso alumnado (xa nolos sopraredes). As mochilas viaxeiras pretenden achegar a biblioteca escolar á vosa casa, achegar a vosa casa á biblioteca.
Só teñen permiso de estancia de 15 días. Son moitas as paradas por Betanzos e arredores. Será unha longa viaxe, pero van tan cheas de ilusión...!
Boa viaxe lectora!
Related Posts with Thumbnails