lunes, 11 de noviembre de 2013

Samaín de contos. "Día de medos alonxados"


Comezamos forte. Para alonxar medos, tres funcións no mesmo día. A nosa Dores quería que venceramos os nosos medos nun día terrorífico, como é para algúns o samaín, a noite dos mortos, a data perfecta para “dar vida” a dous relatos de medo de Ánxel Fole.

Clase tras clase de literatura, monería tras monería e riso tras riso, a biblioteca do instituto converteuse para nós no escenario dun teatro: alí ao fondo, detrás dunha estantería estaba o cemiterio e a súa porta era unha escaleira. Deixamos voar a imaxinación: dun pao, unha escopeta; dun marco, un cadro e dunhas magdalenas… un bo manxar no medio da representación.

Chegou o día da función, que gran día: Dores recordaba sempre o mesmo, VOZ!            –berraba dende detrás dunha estantería. Quedoume claro que no teatro hai que falar despacio e con voz. Entraron os rapaces para vernos e todo comezou.

Unhas máis nerviosas, outras menos, todas disfrutamos, ata Laura que se negaba a falar máis da conta, saíu moi contenta e con ganas de repetir. Das función temos algunhas anécdotas das que o público non se dá conta ou non se quere dar: Estíbaliz co can polo chan, Dores facendo de cabalo, tirando o café…

O abundante público no Instituto e o familiar na libraría proporcionounos unha experiencia que queda no recordo, e fotos da breve pero seguro que lonxeva historia deste grupo de literatura.
 
Laura Calvo


O 30 de outubro, un día antes do samaín, representamos relatos de A. Fole, primeiro para alumnado de 1º da ESO e logo para o de 2º. Todas estabamos nerviosas, aínda que ao fin pasámolo moi ben e disfrutamos moito do momento. Á tardiña repetimos en Biblos, unha librería de Betanzos onde estabamos algo máis nerviosas que pola mañá. O público riu moito e parecía que o estaban a pasar tan ben coma nós. Ao finalizar fomos tomar algo xuntas ao Lanzós e comentamos o día, vimos fotos e rimos… Unha boa experiencia que merece a pena repetir.
Antía Paz
 
 
Erguinme como outro mércores, aínda que este ía ser diferente porque me esperaba unha longa ponte ao acabar o día, tamén porque tiña tres actuacións ou porque acababa o curso de encadernación.
Ao chegar ao instituto todas estábamos na biblioteca antes de soar a serea para xa a primeira hora representar os contos “Os difuntos falaban castelao” e “Viña do alén!” da obra de Ánxel Fole Á lus do candil e pouco a pouco íase ocupando a nosa biblioteca con alumnado da ESO. Nas primeiras funcións faltou Estíbaliz, xa que estaba examinándose do carné, que por certo aprobou e foi substituída por Dores… Estabamos nerviosas, pero a medida que entrabamos en acción a tensión ía deixando paso ao disfrute… un día entretido, disfrutando como nenas.
Bárbara Fernández
 
Ao comezo de cada actuación atacábanos os nervios, polo menos a min, pero a medida que nos iamos metendo no papel, ían desaparecendo. A verdade é que en cada unha das funcións démonos conta de que a xente o pasaba moi ben e que disfrutaban co que faciamos. Foi unha boa experiencia que espero que repitamos proximamente.
Claudia López
 
Levanteime da sesta e o primeiro que se me pasou pola cabeza foi “non quero ir”. Amañeime e preparei as cousas de mala gana, pero ao chegar a Biblos cambiou a cousa: foi entrar e notar un ambiente novo para min, novas sensacións que me fixeron cambiar de opinión inmediatamente. Estaba algo nerviosa, pero eran nervios bos.
Estíbaliz Seoane
 
O pasado 30 de outubro foi a nosa primeira representación diante do público. Comezamos moi forte e con moitas ganas. Eran dous contos de medo que máis que medo foron motivo de risa. Dúas boas historias de Ánxel Fole que comezamos como unha diversión e acabamos compartíandoas con outros. Non sei como o pasarían coa nosa interpretación, pero eu polo menos disfrutei como unha nena.
Inma Couceiro
 
Primeiro representamos para o alumnado de 1º e logo de 2º da ESO e a verdade é que o pasei moi ben. Logo, ás 7:30 tiñamos que estar en Biblos para coñecer o espazo e como distribuírnos nel. Eu xa pensara que esa última función das 8 da tarde non me ía costar facela, pero en canto chegou a hora da verdade púxenme dos nervios, máis que nas outras dúas; pero a miña conclusión final é que sen dúbida repetiría.
Laura Lendoiro
Pola tarde fixemos a última actuación do día, esta vez na librería Biblos. Alí xogabamos con desventaxa porque non coñecíamos o espazo, pero a verdade é que non nos costou moito adaptarnos.
Ao principio a min a idea de actuar para un público non me gustaba moito, de feito ata pensei en non facelo; pero a verdade é que teño que recoñecer que se non participara agora mesmo estaría arrepentida porque o pasei moi ben e rin moito durante os ensaios e nas tres funcións.
Nerea Costoya
 
Related Posts with Thumbnails