Mostrando entradas con la etiqueta Teatro. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Teatro. Mostrar todas las entradas

lunes, 11 de noviembre de 2013

Samaín de contos. "Día de medos alonxados"


Comezamos forte. Para alonxar medos, tres funcións no mesmo día. A nosa Dores quería que venceramos os nosos medos nun día terrorífico, como é para algúns o samaín, a noite dos mortos, a data perfecta para “dar vida” a dous relatos de medo de Ánxel Fole.

Clase tras clase de literatura, monería tras monería e riso tras riso, a biblioteca do instituto converteuse para nós no escenario dun teatro: alí ao fondo, detrás dunha estantería estaba o cemiterio e a súa porta era unha escaleira. Deixamos voar a imaxinación: dun pao, unha escopeta; dun marco, un cadro e dunhas magdalenas… un bo manxar no medio da representación.

Chegou o día da función, que gran día: Dores recordaba sempre o mesmo, VOZ!            –berraba dende detrás dunha estantería. Quedoume claro que no teatro hai que falar despacio e con voz. Entraron os rapaces para vernos e todo comezou.

Unhas máis nerviosas, outras menos, todas disfrutamos, ata Laura que se negaba a falar máis da conta, saíu moi contenta e con ganas de repetir. Das función temos algunhas anécdotas das que o público non se dá conta ou non se quere dar: Estíbaliz co can polo chan, Dores facendo de cabalo, tirando o café…

O abundante público no Instituto e o familiar na libraría proporcionounos unha experiencia que queda no recordo, e fotos da breve pero seguro que lonxeva historia deste grupo de literatura.
 
Laura Calvo


O 30 de outubro, un día antes do samaín, representamos relatos de A. Fole, primeiro para alumnado de 1º da ESO e logo para o de 2º. Todas estabamos nerviosas, aínda que ao fin pasámolo moi ben e disfrutamos moito do momento. Á tardiña repetimos en Biblos, unha librería de Betanzos onde estabamos algo máis nerviosas que pola mañá. O público riu moito e parecía que o estaban a pasar tan ben coma nós. Ao finalizar fomos tomar algo xuntas ao Lanzós e comentamos o día, vimos fotos e rimos… Unha boa experiencia que merece a pena repetir.
Antía Paz
 
 
Erguinme como outro mércores, aínda que este ía ser diferente porque me esperaba unha longa ponte ao acabar o día, tamén porque tiña tres actuacións ou porque acababa o curso de encadernación.
Ao chegar ao instituto todas estábamos na biblioteca antes de soar a serea para xa a primeira hora representar os contos “Os difuntos falaban castelao” e “Viña do alén!” da obra de Ánxel Fole Á lus do candil e pouco a pouco íase ocupando a nosa biblioteca con alumnado da ESO. Nas primeiras funcións faltou Estíbaliz, xa que estaba examinándose do carné, que por certo aprobou e foi substituída por Dores… Estabamos nerviosas, pero a medida que entrabamos en acción a tensión ía deixando paso ao disfrute… un día entretido, disfrutando como nenas.
Bárbara Fernández
 
Ao comezo de cada actuación atacábanos os nervios, polo menos a min, pero a medida que nos iamos metendo no papel, ían desaparecendo. A verdade é que en cada unha das funcións démonos conta de que a xente o pasaba moi ben e que disfrutaban co que faciamos. Foi unha boa experiencia que espero que repitamos proximamente.
Claudia López
 
Levanteime da sesta e o primeiro que se me pasou pola cabeza foi “non quero ir”. Amañeime e preparei as cousas de mala gana, pero ao chegar a Biblos cambiou a cousa: foi entrar e notar un ambiente novo para min, novas sensacións que me fixeron cambiar de opinión inmediatamente. Estaba algo nerviosa, pero eran nervios bos.
Estíbaliz Seoane
 
O pasado 30 de outubro foi a nosa primeira representación diante do público. Comezamos moi forte e con moitas ganas. Eran dous contos de medo que máis que medo foron motivo de risa. Dúas boas historias de Ánxel Fole que comezamos como unha diversión e acabamos compartíandoas con outros. Non sei como o pasarían coa nosa interpretación, pero eu polo menos disfrutei como unha nena.
Inma Couceiro
 
Primeiro representamos para o alumnado de 1º e logo de 2º da ESO e a verdade é que o pasei moi ben. Logo, ás 7:30 tiñamos que estar en Biblos para coñecer o espazo e como distribuírnos nel. Eu xa pensara que esa última función das 8 da tarde non me ía costar facela, pero en canto chegou a hora da verdade púxenme dos nervios, máis que nas outras dúas; pero a miña conclusión final é que sen dúbida repetiría.
Laura Lendoiro
Pola tarde fixemos a última actuación do día, esta vez na librería Biblos. Alí xogabamos con desventaxa porque non coñecíamos o espazo, pero a verdade é que non nos costou moito adaptarnos.
Ao principio a min a idea de actuar para un público non me gustaba moito, de feito ata pensei en non facelo; pero a verdade é que teño que recoñecer que se non participara agora mesmo estaría arrepentida porque o pasei moi ben e rin moito durante os ensaios e nas tres funcións.
Nerea Costoya
 

miércoles, 15 de mayo de 2013

Letras galegas 2013: Roberto Vidal Bolaño



Os departamentos de galego do IES Catabois e As Mariñas xuntáronse un ano máis para elaborar unha guía de lectura sobre o homenaxeado nas letras galegas: Roberto Vidal Bolaño, escritor e actor galego. 



lunes, 24 de mayo de 2010

Ponte a proba!

Queres demostrarlles aos teus amig@s que es un empedernid@ cinéfil@?

Queres deixar coa boca aberta a túa profesora de historia cos teus coñecementos de arte?

Queres impresionar a túa moza, ou o teu mozo, cos teus dotes músicais?

Queres facer unha competición de coñecementos cos teus compañeir@s de clase?

Queres demostrarlles a teu pai e a túa nai todo o que se aprende no IES As Mariñas?

Pois atrévete co Xogo das preguntas e respostas:

Normas do xogo

Xogar

miércoles, 30 de abril de 2008

Manuel Lourenzo, o vento.

BubbleShare: Share photos - Play some Online Games.


A nosa biblioteca converteuse no escenario do teatro máis privilexiado deste país. Tiñamos connosco a Manuel Lourenzo, senlleira figura da dramaturxia galega: actor, director, escritor teatral...; director e actor tamén de cine e televisión, quen non lembra o “Melghacho”!

Desta volta a función era para un público reducido, público privilexiado. Representábase: “Entrevista con Manuel Lourenzo”. No papel de entrevistadoras estaban: Lola Palmeiro e Marta Bolaño, alumnas de Literatura Galega do s. XX; e no personaxe principal, o propio Manuel, que as engaiolou coa súa verba xenerosa e chea de experiencias vitais.

Logo, xa para un público máis amplo, no salón de actos Manuel Lourenzo presentaríanos: “O teatro ou é vento ou non é nada”. Impulsada por Noelia Sánchez e Patricia Brea sentimos bater nas nosas caras toda a forza da traxedia grega que proxectaba o conferenciante. E resistimos o Soán das improvisacións dos alumnos Daniel Fraga e Adrián Fernández. E deixámonos levar polo vento mareiro de Dores, a alumna serodia do mestre. E todo dirixido por Eolo, Manuel Lourenzo.

Que nunca falte o vento. Atoparédelo na nosa biblioteca.
Related Posts with Thumbnails