Mostrando entradas con la etiqueta Lingua e Literatura Galega. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Lingua e Literatura Galega. Mostrar todas las entradas

lunes, 11 de noviembre de 2013

Samaín de contos. "Día de medos alonxados"


Comezamos forte. Para alonxar medos, tres funcións no mesmo día. A nosa Dores quería que venceramos os nosos medos nun día terrorífico, como é para algúns o samaín, a noite dos mortos, a data perfecta para “dar vida” a dous relatos de medo de Ánxel Fole.

Clase tras clase de literatura, monería tras monería e riso tras riso, a biblioteca do instituto converteuse para nós no escenario dun teatro: alí ao fondo, detrás dunha estantería estaba o cemiterio e a súa porta era unha escaleira. Deixamos voar a imaxinación: dun pao, unha escopeta; dun marco, un cadro e dunhas magdalenas… un bo manxar no medio da representación.

Chegou o día da función, que gran día: Dores recordaba sempre o mesmo, VOZ!            –berraba dende detrás dunha estantería. Quedoume claro que no teatro hai que falar despacio e con voz. Entraron os rapaces para vernos e todo comezou.

Unhas máis nerviosas, outras menos, todas disfrutamos, ata Laura que se negaba a falar máis da conta, saíu moi contenta e con ganas de repetir. Das función temos algunhas anécdotas das que o público non se dá conta ou non se quere dar: Estíbaliz co can polo chan, Dores facendo de cabalo, tirando o café…

O abundante público no Instituto e o familiar na libraría proporcionounos unha experiencia que queda no recordo, e fotos da breve pero seguro que lonxeva historia deste grupo de literatura.
 
Laura Calvo


O 30 de outubro, un día antes do samaín, representamos relatos de A. Fole, primeiro para alumnado de 1º da ESO e logo para o de 2º. Todas estabamos nerviosas, aínda que ao fin pasámolo moi ben e disfrutamos moito do momento. Á tardiña repetimos en Biblos, unha librería de Betanzos onde estabamos algo máis nerviosas que pola mañá. O público riu moito e parecía que o estaban a pasar tan ben coma nós. Ao finalizar fomos tomar algo xuntas ao Lanzós e comentamos o día, vimos fotos e rimos… Unha boa experiencia que merece a pena repetir.
Antía Paz
 
 
Erguinme como outro mércores, aínda que este ía ser diferente porque me esperaba unha longa ponte ao acabar o día, tamén porque tiña tres actuacións ou porque acababa o curso de encadernación.
Ao chegar ao instituto todas estábamos na biblioteca antes de soar a serea para xa a primeira hora representar os contos “Os difuntos falaban castelao” e “Viña do alén!” da obra de Ánxel Fole Á lus do candil e pouco a pouco íase ocupando a nosa biblioteca con alumnado da ESO. Nas primeiras funcións faltou Estíbaliz, xa que estaba examinándose do carné, que por certo aprobou e foi substituída por Dores… Estabamos nerviosas, pero a medida que entrabamos en acción a tensión ía deixando paso ao disfrute… un día entretido, disfrutando como nenas.
Bárbara Fernández
 
Ao comezo de cada actuación atacábanos os nervios, polo menos a min, pero a medida que nos iamos metendo no papel, ían desaparecendo. A verdade é que en cada unha das funcións démonos conta de que a xente o pasaba moi ben e que disfrutaban co que faciamos. Foi unha boa experiencia que espero que repitamos proximamente.
Claudia López
 
Levanteime da sesta e o primeiro que se me pasou pola cabeza foi “non quero ir”. Amañeime e preparei as cousas de mala gana, pero ao chegar a Biblos cambiou a cousa: foi entrar e notar un ambiente novo para min, novas sensacións que me fixeron cambiar de opinión inmediatamente. Estaba algo nerviosa, pero eran nervios bos.
Estíbaliz Seoane
 
O pasado 30 de outubro foi a nosa primeira representación diante do público. Comezamos moi forte e con moitas ganas. Eran dous contos de medo que máis que medo foron motivo de risa. Dúas boas historias de Ánxel Fole que comezamos como unha diversión e acabamos compartíandoas con outros. Non sei como o pasarían coa nosa interpretación, pero eu polo menos disfrutei como unha nena.
Inma Couceiro
 
Primeiro representamos para o alumnado de 1º e logo de 2º da ESO e a verdade é que o pasei moi ben. Logo, ás 7:30 tiñamos que estar en Biblos para coñecer o espazo e como distribuírnos nel. Eu xa pensara que esa última función das 8 da tarde non me ía costar facela, pero en canto chegou a hora da verdade púxenme dos nervios, máis que nas outras dúas; pero a miña conclusión final é que sen dúbida repetiría.
Laura Lendoiro
Pola tarde fixemos a última actuación do día, esta vez na librería Biblos. Alí xogabamos con desventaxa porque non coñecíamos o espazo, pero a verdade é que non nos costou moito adaptarnos.
Ao principio a min a idea de actuar para un público non me gustaba moito, de feito ata pensei en non facelo; pero a verdade é que teño que recoñecer que se non participara agora mesmo estaría arrepentida porque o pasei moi ben e rin moito durante os ensaios e nas tres funcións.
Nerea Costoya
 

miércoles, 15 de mayo de 2013

Letras galegas 2013: Roberto Vidal Bolaño



Os departamentos de galego do IES Catabois e As Mariñas xuntáronse un ano máis para elaborar unha guía de lectura sobre o homenaxeado nas letras galegas: Roberto Vidal Bolaño, escritor e actor galego. 



jueves, 17 de mayo de 2012

Letras galegas 2012

Home comprometido e polifacético das nosas letras que destacou con só en poesía e ensaio, senón tamén no xornalismo e no mundo da avogacía.

Emprendedor no mundo da industria e da economía galega e traballador infatigable ata a fin da súa vida

Valentín Paz Andrade

miércoles, 16 de mayo de 2012

Valentín Paz Andrade

Coma cursos anteriores os equipos de  Dinamización Lingüística do IES de Catabois e As Mariñas xuntáronse para facer esta guía e achegarmos a Valentín Paz Andrade, o conmemorado este ano no Día das Letras Galegas.

martes, 27 de marzo de 2012

Non hai noite tan longa

É un libro que utiliza moi ben o movemento no tempo, utilizando flashbacks para viaxar entre 1969 e 2002, que son os anos nos que se desenvolve a acción. Estes saltos temporais están utilizados dumha forma clara e fácil de entender. Utilízanse para explicar algún acontecemento no presente que ocorre así porque no pasado ocorreu dunha forma determinada.



A historia comeza coa morte da nai do protagonista e coa súa volta a Monteverde, lugar ao que prometera non volver. A historia é realista ata o momento no que “ve” ao seu pai sentado na sala da casa que pertencera a súa nai durante os últimos anos. A partir dese momento de fantasía, o protagonista móvese polo desexo de seu pai de vingalo, por un delito que cumpriu e do que era inocente.



Un libro de misterio no que o protagonista vai desenvolvendo o fío dunha forma peculiar, buscando e falando con cada personaxe que o achegan ao seguinte, que se atopa máis preto do culpable.
Aínda que o título e a trama dan a entender que é unha historia aburrida e custosa de ler, o libro chega a ser moi atraínte e sinxelo de ler e comprender.
En resumo, é un libro moi interesante e misterioso ata o final en que se descobre ao culpable e o ocorrido aquel fatídico día.





Jonathan Mesías Rey-1º BAC TEC



Esta obra pareceume moi monótona e lenta, polo menos as dúas primeiras partes, pois non narraba nada que despertase o meu interese pola historia. Foi no final da segunda parte cando, ao meu parecer, acelerou o ritmo da historia e todo sucedía con maior fluidez.
A pesar de que o final si me agradou porque foi sorprendente e, ao rematar en suspense, deixoume coa intriga de se finalmente os xornais publicarían a tráxica historia que por fin tiña final, esta obra non a poñería entre as miñas favoritas, aínda que penso que se esta historia fose contada doutro xeito poderíame “enganchar” a ela, pero foi o ritmo monótono o que quitou todo o encanto.




Laura Centoira Yáñez-1º BAC TEC




Grazas a Jonathan e Laura polas súas aportacións.

viernes, 21 de octubre de 2011

A vindeira semana en As Mariñas...

vaise pasar moito medo.





Comidas terroríficas, lecturas de pánico, películas que che faràn tremer, desfile de cabazas, contos de medo, os mundos dos mortos... e para rematar tod@s comeremos castañas.




Non cho podes perder!

viernes, 10 de junio de 2011

Futuro imperfecto

Sen dúbida, unha novela que non deixa indiferente, que conmove, emociona e non permite pechala ata acabar a lectura.


Unha confluencia da literatura e a realidade, unha tenra historia dunha humanidade que nos engaiola e nos fai sufrir coa dor dos protagonistas ou soñar con tanto amor como senten.



Unha etapa decisiva na vida de Xulia que a marca para sempre: a droga, o amor, a caracterización dunha época, a abstinencia, a superación, o VIH e a SIDA, a maternidade e o apoio dos amigos; en fin, eses anos vividos por Xulia e os seus que xenerosamente comparte cos lectores.



Grazas Xulia, pola túa valentía, pola túa presenza nas Mariñas e porque despertaches en min a admiración pola túa enerxía.



Dores Cao (profesora de lingua e literatura galega)


miércoles, 18 de mayo de 2011

Son Lois Pereiro: "Luisiño", "Luchi" ou "Loisón"



Iolanda e Dores, responsables do Equipo de Dinamización Lingüística dos IES de Catabois e As Mariñas respectivamente, xuntáronse un ano máis para elaborar unha guía de lectura coa que darnos a coñecer ao homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas: Lois Pereiro.



Se queredes acceder a este traballo que nos achega a vida e obra do escritor, só tedes que clicar aquí ou na imaxe.

jueves, 12 de mayo de 2011

Paula e o lobishome

O martes 10, tivemos o pracer de disfrutar da presenza de Paula Carballeira, muller polifacética dentro do panorama cultural galego.



Nesta ocasión e, aproveitando que o alumnado de 4º ESO leu o seu libro O lobishome de Candeán, ven contarnos contos e falar da obra e tamén das súas experiencias personais. Na charla participaron activamente @s alumn@s.


Grazas Paula, por esa xornada entrañable.

jueves, 20 de enero de 2011

Lecturas para 4ª de ESO

O Departamento de Galego anímavos a ler a través desta relación de obras que se irán apliando e/ou cambiando en cursos sucesivos, segundo vaian aparecendo novidades no mercado.
Comezamos con lecturas recomendadas para 4º de ESO, o que non quere dicir que sexan exclusivas para este nivel.
Sería moi interesante que, despois da lectura, fixésedes un breve comentario persoal para colgar no blogue da Biblioteca.
Adiante!


jueves, 10 de junio de 2010

Escribindo ao xeito de Séchu Sende

Algunhas alumnas de 1º Bac Tecnolóxico animáronse a escribir tomando como punto de partida un relato de Made in Galiza, libro no que o autor, dun xeito moi crítico, fai unha análise da situación da lingua galega. Este é o resultado:

EXPECTORANTE DA RABIA E CALMANTE DA FURIA

COMPOSICIÓN:
1000 gr de latín
500 gr de árabe
200 gr de xermánico
1 kg de castrapeo
1 kg de retranca
100 gr de confianza
200 gr de desconfianza
1000 gr de positivismo (“malo será...”)
3000 gr de predición (“vas caer, vai chover”)

Produto elaborado pola combinación de expertos romanos, árabes, xermanos (moi amigos entre si) e un chisco de pobreza, prexuízo, inferioridade social, vergoña e represión.


INDICACIÓNS:
Segue as indicacións da Real Academia Galega, a non ser que a túa zona lingüística o faga dun xeito diferente.
-Situacións críticas de perigosidade de “ostias”.
-Clase de Galego (e de Filosofía).
-Na montaña galega, e en Casa Pacucho (“Salvádeme siempre”), especialidade en churrasco e sobremesas variadas (flan con nata, nata con flan).

POSOLOXÍA:
Adultos: dose normal, xa que están fortes coma buxos.
Nenos: en grandes doses, sobre todo na “idade do pavo”.

CONTRAINDICACIÓNS:
Inxerido en grandes doses pode producir grandes incomunicacións co mundo exterior.
Pode producir tamén indixestión, mesturado con outras linguas.

ADVERTENCIAS:
Non se recomenda a súa utilización en contextos formais.
Cada 1000 gr desta lingua conteñen 500 gr de palabras obscenas, polo que debe usarse con moita precaución.

INCOMPATIBILIDADES:
-Feixoada ou bilingüismo.
-Pijos de La Coru.

EFECTOS SECUNDARIOS:
Non deben producirse coas doses axeitadas. En casos moi extremos, discriminación lingüística.

INTOXICACIÓN E TRATAMENTO:
En caso de sobredose pode provocar pesadez estomacal. Se é así, consultar a RAE ou o ILGA.

PRESENTACIÓN:
En lotes pequenos, dispoñibles por vía oral e/ou escrita.


DEBE MANTERSE AO ALCANCE DE TODOS E, SOBRE TODO, DOS NENOS E NENAS.


Este traballo foi realizado por: Cristina Blanco, María Naveira, Andrea Rivera e Cristina Roel.

lunes, 17 de mayo de 2010

O TEU DÍA, UXÍO; O NOSO DÍA.

E se lles queres poñer música aos seus poemas, clica aquí.

miércoles, 12 de mayo de 2010

Uxío Novoneyra: Do Courel a Compostela?

E por que non, D'As Mariñas a Catabois? Sería bo título para o boletín do Día das Letras que axiña ides ter á vosa disposición.

Este ano, o homenaxeado das nosas Letras é Uxío Novoneyra. Xa tedes unha exposición sobre a súa vida e obra colgada na cafetería. Desde este blogue irémonos achegando un pouquiño máis a este autor.

Estarédesvos a preguntar: que ten que ver "o poeta do Courel" con Betanzos e con Ferrol? Pois ben, un dos puntos de unión é que, como xa sabedes os de 3º da ESO, os Departamentos de Lingua Galega do noso instituto e mais o do IES Catabois de Ferrol están a realizar un intercambio entre vós (epistolar e cultural). Xunto cos Departamentos de Normalización e mais a axuda das Bibliotecas confeccionaron o boletín das Letras. Pero aínda hai máis nexos de unión que descubriredes nas páxinas sobre Uxío. Arriscádesvos a dicirnos cales son?

Se queredes ir achegándovos á poesía deste bardo do século XX pasádevos pola biblioteca, o universo de Novoneyra agarda as vosas excursións.

miércoles, 13 de mayo de 2009

Coñecendo a Ramón Piñeiro

O Departamento de Lingua e Literatura Galega xunto con Normalización Língüística e a Biblioteca vén de preparar unha pequena guía para achegarnos a figura de Ramón Piñeiro, homenaxeado no vindeiro día 17 deste mes: Día das Letras Galegas.


Clicando na imaxe atoparás datos sobre a súa vida, o seu labor como escritor e editor, a súa faceta política e a repercusión das tertulias feitas ao redor da "mesa camilla" da súa casa. Tamén atoparás enlaces a outras páxinas, así como a relación de libros, escritos por el ou sobre el, que tes á túa disposición na biblioteca.

martes, 10 de marzo de 2009

Rosalía no Día da muller traballadora

Este domingo 8 de marzo foi o Día Internacional da muller, e o día 24 de febreiro foi o Día de Rosalía. Pareceunos moi oportuno integrar as dúas datas polo que teñen de común: a nosa escritora foi pioneira na loita da muller, unha rebelde ante unha inxusta e abafante realidade, unha transgresora que se valeu da ironía nuns casos, ou da palabra directa noutros, para denunciar a situación que tiña que sufrir como muller.

Foi muller, e escritora, e como ela ben dixo en Las Literatas, non era doado, e como moitas outras mulleres, ergueu bandeiras nunha loita que continúa.

Por cuarto ano consecutivo tivemos, na biblioteca, a ocasión de escoitar a biografía da nosa autora. Desta volta, foron catro as voces, catro Rosalías, catro mulleres representando a unha e a todas.



Textos (que atoparedes no boletín confeccionado por Dores Cao) nas voces de: Amanda González (Rosalía nena-moza), Belén Rojas (Rosalía xove) Estefanía Ferreiro Alejandro Cortés Rocío García Pablo Aguiar Paula López Jessica Maroño Triana Martín Alba Míguez Alejandro Rodríguez Naveira Desirée Rodríguez Alejandro Rodríguez Trujillo Ada Meritxell Álvarez Noelia Diéguez Yuli Andrea González Nerea Maroño Sonia Martínez Estela Moscoso Violeta Rivas Alba Ríos Brais Vázquez
Acto organizado polo Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística en colaboración coa biblioteca.

viernes, 16 de enero de 2009

Once upon a time...!

Érase unha vez unha muller chamada Charo Pita e un home chamado Tim Bowley que chegaron á biblioteca do IES As Mariñas. A muller falaba galego e o home falaba en inglés.

Charo e Tim agardaron polos alumnos e alumnas e empezaron a contarlles, en perfecta compenetración de idomas e de movementos, a historia do home que buscaba a súa sorte, a da muller esquelete, a da moza que debía escoller entre os seus tres amantes, a de Barba Azul, reveláronlles "What the woman desire the most of all", e deixáronos coa intriga de se matar unha lagartixa ou non.

Pasados as dúas sesións, Charo e Tim cativaron non só os rapaces e rapazas, involucrándoos nas súas historias (eran os corvos que respostaban); non só engaiolaron o profesorado que alí había, senón tamén algunha nai que fora por un libro e que os quixo escoitar, pois sabía da súa sona como contacontos.

E desde ese día, narracións orais nas dúas linguas ficaron no recordo do noso alumnado.

E desde ese día, a biblioteca ficou prendada da arte destes contacontos / storytellers.

Agradecémoslles aos departamentos de Inglés e de Lingua Galega que nos fixesen partícipes desta actividade.

lunes, 3 de noviembre de 2008

Os difuntos falaban castelao


Os mortos regresan ás Mariñas. Desta volta veñen da man do alumnado de Literatura Galega do século XX de 2º de Bacharelato e capitaneados pola profesora Marisé. Eles foron quen lles puxeron voz ao relato de Ánxel Fole "Os difuntos falaban castelao", incluído no libro: Á lus do candil. A biblioteca encargouse de darlle animación coa presentación que vedes enriba, e o Departamento de música recomendounos a melodía para acompañalo.

Hoxe asistiron ao acto os nosos primeiros de ESO. Durante esta semana a biblioteca será a lareira onde se contarán máis historias de medo.

jueves, 15 de mayo de 2008

Boletín de maio. Protagonista: Xosé María Álvarez Blázquez.

Nas librarías, nos xornais, na radio, na televisión... Todos son a falar deste autor homenaxeado no Día das Letras. Na nosa biblioteca ofrecémovolo en primeira persoa no boletín de maio que xa está á vosa disposición; e de balde, eh! Non precisades mercar nada para levardes á casa información de Xosé María Álvarez Blazquez.

Para a confección do boletín, como en anos anteriores, contamos coa axuda do Departamento de Lingua Galega e co de Normalización Lingüística. Os bos e xenerosos...


Lemos, na autobiografía recreada por Dores Cao:


Fun o terceiro dos irmáns Álvarez Blázquez, fillo do Dr. Darío Álvarez Limeses "O médico dos pobres" e axiña pensamos: con ese pai debera saír algo bo. Así foi, de tal pano tal saia. Xosé María cóntanos a súa vida, os esforzos por ser mestre, as inxustizas dunha guerra fraticida, os asasinatos vividos na súa familia, as vivencias do amor, a morte dos seres queridos, a súa loita incansable pola nosa cultura... Realmente merece a conmemoración.


O boletín recolle asemade unha escolma de poemas e, na última páxina, fálasenos da saga dos Álvarez: desde os devanceiros aos últimos descendentes, ao futuro; desde o petrucio Emilio Álvarez Giménez aos fillos do homenaxeado. Toda unha familia marcada pola inquedanza cultural e comprometida co país.


Os Álvarez, produto galego de calidade.

jueves, 24 de abril de 2008

II Guerra mundial na biblioteca




O alumnado de 1º de Bacharelato de Sociais achegouse á II Guerra Mundial dun xeito moi activo xa que, durante uns días, convertéronse en auténticos reporteiros de guerra. Pero non corrían perigo ningún: estaban rodeados de libros.

E é que para levar a cabo o traballo proposto polas profesoras de Historia e Lingua Galega, Leonor e Marisé, “tomaron” a biblioteca do instituto e, armados con libros e películas, conseguiron sacar adiante unha tirada de 13 xornais que reflicten os acontecementos vividos naqueles anos.

Debían canalizar as novas que crían interesantes sobre o tema no formato dun xornal. Valoraráselles tanto a orixinalidade do soporte como o impacto do contido das súas investigacións.

Desde a Biblioteca queremos felicitarvos por estes magníficos traballos. Un aviso para os xornais: non perdades de vista os futuros xornalistas das Mariñas.
Related Posts with Thumbnails