martes, 10 de junio de 2008

El esnobismo de las golondrinas

"As mulleres teñen unha sensibilidade especial para os libros. Por iso son tan boas bibliotecarias e libreiras. Saben que os libros non só teñen contido senón que crean -como os animais de compañía- un vínculo afectivo coas persoas que os teñen nas súas mans.O seu instinto failles comprender que nun lugar onde non poden vivir os libros non poden vivir os fillos. Probablemente iso é o que levou a Christina Fogle, filla dos fundadores da famosa librería de Charing Cros, a escribirlle unha carta a Hitler pedíndolle que non queimase libros, porque ela estaba disposta a "compralos todos" prescindindo de se eran bos ou malos."

jueves, 5 de junio de 2008

De librarías pola Coruña

Que día tan esgotador! Coller o bus, ir ao insti e outra vez en bus, rumbo á Coruña. Os clubs de lectura ían de visita cultural.

Pero... que día para lembrar!

Begoña, da libraría Nova Colón fíxonos viaxar pola historia do libro. Sabedes o que son as "gardas" dos libros? E as camisas? Logo veu a primeira sorpresa do día: Álvaro, do Teatro do Andamio dramatizounos na Nova Colón un relato inédito precioso que falaba de xente que se reúne puntualmente para meterse na pel doutra xente e vivir outra realidade... Segunda sorpresa: os propios integrantes das "Mariñas lectoras" tiveron que mercar libros para a biblioteca. Elixir, saber se lles gustará aos seus compañeiros e compañeiras, mirar que non sexan moi caros para que todos poidan mercan un... E lelo durante o verán para despois recomendalo... Vaia responsabilidade!

Que rico ese chocolate con churros! Sóubonos a ghloria bendita! A continuación o Fnac, pero antes... a "sorpresa" non programada da gaivota. Mercamos cómics, fixemos fotos... Xantamos no Palexco. Alí xantamos, alimentamos o corpo para a continuación, alimentar o espírito coas Cousas da vida de Castelao.

De volta para Betanzos quixeron examinar a súa compra coma se fose o último "pantaca" mercado.

15 minutos antes de coller o transporte escolar de volta á casa, foron abondos para cuñar as novas adquisicións.

Uf! Isto de ser do club de lectura..., vaia trafego!

"La tierra herida": unha lectura para o Día mundial do medioambiente.



Que futuro lle agarda ao noso planeta? Que mundo herdarán os nosos fillos? Ata que punto é o ser humano o responsable de todos estes inquedantes cambios? E sobre todo, ata que punto estamos a tempo de evitalos ou de paliar os seus efectos?

A estas e outras moitas preguntas responden no seu iluminador diálogo Miguel Delibes e Miguel Delibes de Castro: un pai escritor de enorme prestixio, que se define a si mesmo como cidadán preocupado por estes temas pero profano na materia; un fillo científico que leva anos traballando sobre o terreo os problemas ecolóxicos.

E se queredes coñecer opinións sobre este libro, que mellor que ler as que deixaron no seus comentarios os do club de lectura do IES Auga de Laxe de Gondomar.

La tierra herida, na nosa biblioteca, no andel de Ecoloxía e Biodiversidade (574)

sábado, 31 de mayo de 2008

Mozart compúxonos un valse.

Non é ningún farol. Velaí tedes a partitura. Con notas do propio Mozart.


E todo grazas ás matemáticas, á Feira Matemática á que acudiron 17 rapaces e rapazas do noso instituto capitaneados por Zacarías e os seus colaboradores, Emilia e Martín.
Esta festa, á que asistiron 16 institutos da Coruña e Lugo, tivo lugar o pasado sábado 25 na Coruña, no Pazo da Ópera.

O IES As Mariñas, asiduo concertista, fíxose "notar":

- pola colosal actividade da medición da Torre de Hércules: levamos unha de máis de 3 metros debuxada en papel;

- polo saber comportarse do alumnado: o seu trato cos visitantes dos nosos postos foi exemplar, parabéns para DJ Zaca (ft Geogebra), rouco de tanto aleccionalos durante estes días;

- polo incansable labor de relacións públicas cos membros da organización: Emilia conseguiunos camisetas para todos;

- pola batuta do mestre Martín, do Departamento de Música, que colaborou coa actividade de Mozart e cuxo froito é o valse que vedes e co que podedes deleitar o oído.

Se queredes saber algo máis da orixe desta partitura, e do enxeño que ideou o xenio Mozart, clicade aquí.




miércoles, 28 de mayo de 2008

Van Gogh


"Cuatro tíos y un hermano estaban dedicados al comercio de obras de arte, pero él consiguió vender un cuadro, sólo uno, en toda su vida. Por admiración o por lástima, la hermana de un amigo le pagó cuatrocientos francos por un óleo. El viñedo rojo, pintado en Arles.
Más de un siglo después, sus obras son noticia en las páginas financieras de diarios que jamás leyó,
son las pinturas más cotizadas en galerías de arte donde nunca entró,
las más vistas en museos que ignoraron su existencia
y las más admiradas en academias que le aconsejaron que se dedicara a otra cosa.
Ahora Van Gogh decora restoranes que le negarían comida,
consultorios de médicos que lo encerrarían en el manicomio
y estudios de abogados que lo meterían preso."
Espejos/Eduardo Galeano

lunes, 26 de mayo de 2008

Persépolis


Persépolis é a historia autobiográfica da iraniana Marjane Satrapi, a historia de como medrou nun réxime fundamentalista islámico que a acabaría levando a abandoar o seu país. O cómic empeza a partir do ano 1979, cando Marji ten nove anos e desde a súa perspectiva infantil é testemuña dun cambio social e político que pon fin a máis de cincuenta anos de reinado do sha de Persia en Irán e dá paso a unha república islámica.

Podes atopar este libro na sección de banda deseñada.

Tamén atoparás na sección de cine a película baseada no libro e dirixida pola propia Marjane Satrapi. O filme obtivo o Premio do Xurado no Festival de Cannes 2007.

viernes, 23 de mayo de 2008

A orixe da vida

Periquitos namorados, arañas coquetas, cabaliños de mar galantes, sapos caníbales, iguanas mariñas que recordan o poderío dos extintos dinosauros e cangrexos iracundos son protagonistas do filme “Génesis” elaborado pacientemente durante seis anos e dirixido polos biólogos Claude Nuridsany e Marie Pérennou.

O documental, rodado en Islandia, as illas Galápagos, Madagascar e o sur de Francia, reflexa a loita pola supervivencia- o grande come sen reparos o pequeño- pero os autores pon énfases noutros aspectos menos virulentos aclaran: “Aínda que a violencia existe no mundo animal, non pensamos que o seu sexa un universo violento, senon sereno. Puidémolo comprobar nos anos que levamos dedicándonos á bioloxía. Por exemplo, os animais non practican a guerra e a tortura”




A túa disposición na biblioteca

martes, 20 de mayo de 2008

Debate dialéctico entre institutos.




Equipo do IES Vilar Ponte de Viveiro: Anselmo,Vanesa, Sara, Samuel e Diego, Vs. equipo do IES As Mariñas de Betanzos: Dores, Samuel, Adriana, Mónica e Adrián.
Data: 9 de maio.

Pasadas as dez da mañá chegaban ao noso instituto os amigos de Viveiro e, logo de ver un pouco o centro, na Biblioteca foron entrevistados por unha locutora de Radio Betanzos. Despois todo estaba preparado no salón de actos para o enfrontamento dialéctico, para defenderen con enerxía as posicións a favor e en contra do tema debatido na 1ª Liga de Debate en Compostela: “Debe primar a seguridade pública sobre as liberdades individuais?”. O acto presentárono: Iolanda, compañeira das Mariñas, quen despois dunha brillante intervención, cedeulle a palabra a Santiago Martínez o noso presentador de honra, organizador e director do torneo dialéctico en Santiago.

O debate caracterizouse pola complicidade e a deportividade. No remarte, o xurado (Iolanda, Santiago e Bran, o noso director) logo do silencio teatral do portavoz (Santiago), considerou que o resultado fora un claro empate. Como non: gañaron ambos equipos coñecéndose e facéndose amigos.

Nesta ocasión o equipo de Betanzos converteuse en cicerone para os invitados e leváronos ao Pasatempo, ao casco histórico e a Chelo. En fin, unha xornada memorable que se repetirá en breve no Instituto Vilar Ponte de Viveiro. E todo grazas á 1ª Liga de Debate e ás amizades que alí xurdiron.

Parabéns aos que a fixeron posible, e a este grupo de rapaces e rapazas que souberon rendibilizar á estadía en Compostela.

Escrito por Dores, capitá do noso equipo de debate.

lunes, 19 de mayo de 2008

19 de maio, día das Letras.




E 22 de maio, e 13 de xuño, e 9 de xullo e 28 de setembro... Celebrámolas decote. O que si devén pasaxeiro é a conmemoración do persoeiro homenaxeado.


Esta biblioteca caracterízase pola súa xenerosidade e manterá a exposición de libros un tempiño máis. De igual xeito, gozaredes durante uns días máis dos caligramas que os alumnos de 4º de Técnicas de expresión escrita confeccionaron a partir dos versos de Xosé María Álvarez Blázquez.


jueves, 15 de mayo de 2008

Boletín de maio. Protagonista: Xosé María Álvarez Blázquez.

Nas librarías, nos xornais, na radio, na televisión... Todos son a falar deste autor homenaxeado no Día das Letras. Na nosa biblioteca ofrecémovolo en primeira persoa no boletín de maio que xa está á vosa disposición; e de balde, eh! Non precisades mercar nada para levardes á casa información de Xosé María Álvarez Blazquez.

Para a confección do boletín, como en anos anteriores, contamos coa axuda do Departamento de Lingua Galega e co de Normalización Lingüística. Os bos e xenerosos...


Lemos, na autobiografía recreada por Dores Cao:


Fun o terceiro dos irmáns Álvarez Blázquez, fillo do Dr. Darío Álvarez Limeses "O médico dos pobres" e axiña pensamos: con ese pai debera saír algo bo. Así foi, de tal pano tal saia. Xosé María cóntanos a súa vida, os esforzos por ser mestre, as inxustizas dunha guerra fraticida, os asasinatos vividos na súa familia, as vivencias do amor, a morte dos seres queridos, a súa loita incansable pola nosa cultura... Realmente merece a conmemoración.


O boletín recolle asemade unha escolma de poemas e, na última páxina, fálasenos da saga dos Álvarez: desde os devanceiros aos últimos descendentes, ao futuro; desde o petrucio Emilio Álvarez Giménez aos fillos do homenaxeado. Toda unha familia marcada pola inquedanza cultural e comprometida co país.


Os Álvarez, produto galego de calidade.

miércoles, 14 de mayo de 2008

"Memorias dun neno labrego", imprescindible.

Pasaron xa moitos anos, algúns máis de trinta, desde que lin as memorias de Balbino, dese rapaz da aldea. Tal vez porque me sentín un pouco coma el, xa nunca se me esvaeceu. Lembro a emoción con que lin a súa historia, a rabia contida ante as inxustizas que tan ben recreou Neira Vilas, e lembro tamén as bágoas da miña nai cando eu lle lía este libro. Recordos vivos!

De certo, Xosé Neira Vilas recreou coma ninguén o mundo do rural galego, o mundo da aldea, con moito traballo e pouca escola, con incomunicación, soños e decepcións, humillacións e ilusións. É certo que os nosos mozos e mozas non viven como Balbino, pero non é menos certo que a inxustiza social segue vixente. Aínda hoxe non todos teñen as mesmas oportunidades e, se Balbino chegaba canso á escola polo traballo arreo no campo, non é menos certo que algúns dos nosos alumnos e alumnas, desde ben pequenas, asumen responsabilidades de adultos.

A min foi unha novela que me levou a ler moitas outras e deume pulo para saír adiante cando me doían as costas co duro traballo. E sempre me leva a pensar que os balbinos seguen estando aquí e en todas partes.
Porque logo de tantos anos esta historia segue comigo, animo a todos os que aínda non a leron a facelo.

“Se pelexamos entre nós, métense eles. Non se decatan de que as nosas liortas son namais que enredos. Rabuñámonos agora e daquí a un chisco estamos amigos outra vez. Fan de xuíces e zoscan a quen cadra e coma cadra, sin averiguacións. As nosas mans son pequenas e non magoan; as deles pesan, fan doer. Se deprendesen de nós non irían á guerra…”

O AUTOR:
XOSÉ NEIRA VILAS (Gres-Vila de Cruces, 1928)
De familia labrega, que compaxinou ata os catorce anos a escola cos traballos do campo. Logo traballou nun serradoiro e co desexo de vencer a miseria económica e cultural que o rodeaba emigrou a Bos Aires. En Arxentina participou na fundación das Mocidades Galeguistas e da editorial Follas Novas. Entre o 1961 e o 1994 viviu en Cuba e desde ese ano reside no noso país.

Entre as súas obras destacan tamén: Cartas a Lelo; Aqueles anos do Moncho; Xente no rodicio; A muller de ferro; Historias de emigrantes... etc.

Premio da Crítica Española (narrativa) e premio da Crítica Galega (ensaio). Fóronlle outorgadas as medallas Castelao, Pedrón de Honra e Celanova Casa dos Poetas.
Actualmente ten unha sección fixa en El Correo Gallego ("Arredor do mundo", columna dominical) e publica puntualmente artigos culturais e de tema literario no Galicia Hoxe.

Imprescindible para Dores Cao. Departamento de Lingua e Literatura Galegas.

lunes, 12 de mayo de 2008

Facendo números

O paso do tempo séntalle bárbaro á nosa biblioteca. Cada ano máis remozada, máis chea de vida.



Esta é a evolución dos préstamos durante os cinco últimos cursos, collendo como referencia o período que vai desde o 1 de outubro ata o 8 de maio. Hai que ver o que medrou!


O curso 06/07 foi o noso primeiro ano no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares de Galicia. Tomamos o Plan en serio, puxémonos en forma e, como se pode comprobar na gráfica, coincide cunha suba moi importante (151,12% con respecto ao curso anterior) no número de fondos emprestados. Tendencia que se consolida e aumenta no presente curso. Non deixaremos de adestrar para mellorar as nosas marcas!


Esta gráfica amosa o desglose dos préstamos durante este curso (tamén desde o 1 de outubro ata o 8 de maio): os libros (54%) gáñanlle a partida ás películas (43%) e mais á música (4%).

O noso alumnado prefire o Oliver Twist de Charles Dickens ao de Roman Polanski, El nombre de la rosa de Umberto Eco ao de Jean-Jacques Annaud. As mil palabras dinlles máis que a imaxe aos nosos lectores e lectoras.

Facemos números e os díxitos alíanse ás letras. Ata onde chegaremos para o remate do curso?

viernes, 9 de mayo de 2008

todosconelsahara

Onte falláronse os premios do I Concurso Bir Lehlu de fotografía solidaria co pobo saharauí.


Sobran as palabras. As imaxes falan por se soas.



Ver todas as fotos




jueves, 8 de mayo de 2008

I Liga de Debate

“Convén que combatan as ideas para que non teñan que combater as persoas” (Karl Poppe).

Esta máxima introduciu algún dos debates aos que tivemos a sorte de acudir en Santiago á I Liga de Debate, e en verdade afirmo, en calidade de espectadora, que os nosos rapaces e rapazas galegas ofreceron un combate de ideas exemplar.

A pregunta desta primeira liga foi: “Debe primar a seguridade pública fronte á liberdade individual?” Bo tema, non si?
E ti, que opinas? Tes claro o teu posicionamento?

Pois ben, os equipos estaban preparados para defender ambas posturas: a favor ou en contra, coma se fose a única na que crían. Expoñían a súa tese, logo viñan dúas quendas de refutación á postura do contrincante e remataban con cadansúa conclusión. E fixérono. Defendían a súa opción con razoamentos sopesados, con exemplos documentados, con argumentos de autor, con forza, con convicción. Tiñamos ante nós verdadeiros oradores, coa arte de gañar a nosa vontade coa palabra.
Tres días intensos onde prevaleceu a dialéctica, a solidariedade,... os nervios, a tensión, a incomodidade duns traxes aos que non estaban afeitos, duns tacóns que á fin do día encarceraban os pés...

Parabéns non só para o IES Zalaeta da Coruña que gañou esta I liga de debate; non só para o noso equipo: Adriana, Samuel, Dores, Mónica e Adrián que nos seus debates engaiolaron o público coas súas argumentacións e a súa forza na defensa da postura que defendían nese momento; parabéns tamén para os oradores e os investigadores dos 22 equipos restantes, que agoiraron un futuro onde a loita coa palabra pode prevalecer sobre a loita coa violencia.

Mañá venres, teremos a sorte de ver en acción o noso equipo e mais o equipo do IES "Vilar Ponte" de Viveiro, que veñen ás Mariñas para darnos exemplo de oratoria.

Canto temos que aprender os adultos...!!!

martes, 6 de mayo de 2008

¡Viva la Ciencia!


O catedrático José Manuel Sánchez Ron e o debuxante Antonio Mingote, ambos membros da Real Academia Española, escribiron este libro para "ofrecer una visión científica del mundo de la manera más sencilla posible".


En palabras dos propios autores recollidas no xornal "El país": " Se trata de una historia de aventuras, de las aventuras científicas, de éxitos, fracasos, peripecias y rivalidades. Estoy fascinado con las biografías de los sabios que hemos elegido para el libro porque, en realidad, son exploradores de la ciencia" (Antonio Mingote).


"La ciencia es una pasión que exige curiosidad por conocer el origen de las cosas, por descubrir las razones que mueven la vida y el mundo. Lo que ocurre es que las disciplinas científicas aparecen como algo complicado y distante. Para aquellos que yo llamo los beatos de las letras, un investigador o un físico no pueden equipararse a un pintor, un escritor o un músico. Faltaría más. Me parece un grave error ese menosprecio por los científicos" (José M. Sánchez Ron).
Á túa disposición na biblioteca

miércoles, 30 de abril de 2008

Manuel Lourenzo, o vento.

BubbleShare: Share photos - Play some Online Games.


A nosa biblioteca converteuse no escenario do teatro máis privilexiado deste país. Tiñamos connosco a Manuel Lourenzo, senlleira figura da dramaturxia galega: actor, director, escritor teatral...; director e actor tamén de cine e televisión, quen non lembra o “Melghacho”!

Desta volta a función era para un público reducido, público privilexiado. Representábase: “Entrevista con Manuel Lourenzo”. No papel de entrevistadoras estaban: Lola Palmeiro e Marta Bolaño, alumnas de Literatura Galega do s. XX; e no personaxe principal, o propio Manuel, que as engaiolou coa súa verba xenerosa e chea de experiencias vitais.

Logo, xa para un público máis amplo, no salón de actos Manuel Lourenzo presentaríanos: “O teatro ou é vento ou non é nada”. Impulsada por Noelia Sánchez e Patricia Brea sentimos bater nas nosas caras toda a forza da traxedia grega que proxectaba o conferenciante. E resistimos o Soán das improvisacións dos alumnos Daniel Fraga e Adrián Fernández. E deixámonos levar polo vento mareiro de Dores, a alumna serodia do mestre. E todo dirixido por Eolo, Manuel Lourenzo.

Que nunca falte o vento. Atoparédelo na nosa biblioteca.

martes, 29 de abril de 2008

Todos os libros son imprescindibles.

Charla cun lector de 78 anos.

1. Cal foi o primeiro libro que liches?
As miñas primeiras lecturas remóntanse á escola. Primeiro foi o silabario, logo o Catón e canda este, tiñamos que aprender de memoria, cada día, un anaco da cartilla.

2. Que libros lías de mozo?
Aos 17, 18 anos lía novelas do oeste. Mercabámolas na libraría de Ordes. Tamén as había de segunda man, nas mesmas librarías por 25 céntimos dos de antes (1 real). Lembro que aos 21 anos, costaba cambialas 1 peseta. Todos liamos novelas do oeste, era a moda. Nas cidades chegaban antes as novidades.

A época en que máis lin foi en Lugo, durante o servizo militar (quinta do 50). Todos os soldados tiñan novelas do oeste.

3. Por que deixaches de ler tanto?
En canto rematei a mili comecei a traballar en serio e xa non tiña moito tempo.

4. Cando comezaches coa aventura da lectura outra vez?
Haberá sete ou oito anos, desde que me xubilei, máis ou menos.

5. Cantos libros les ao mes?
Segundo como sexan. Leo unhas 200 ou 300 páxinas á semana. Nun día de invernía, cando non saio fóra, chego a ler unhas 150, 175 páxinas. Non me dedico só a ler, teño que traballar tamén no campo: crío faisáns, coellos, galiñas... De cando en vez restauro algún moble, culetas de escopetas de caza que me traen...

6. Que libro consideras imprescindible?
Todos os libros son imprescindibles.

A min gústanme os de intriga, os de historia, os de aventuras, os que se basean en feitos reais...
De entre os que máis me gustaron están: O clan do oso cavernario, Los pilares de la tierra (mellor o segundo que o primeiro), as aventuras do capitán Alatriste, El código Davinci, Un médico en el Congo de Joaquín Sanz Gadea, os de Agatha Christie, os de Harry Potter...

El Quijote lino polo 50, en 8 tomos de 40 x 30 cm, tiña letras douradas, títulos xigantes... era unha edición moi rica que me deixara un canónico en Santiago.

7. Que libro lles recomendarías aos nosos alumnos?
Á parte dos de Harry Potter, que sabemos que lles gusta a todos os rapaces, ou os de Agatha Christie, eu recomendaríalles El hombre sin cara, a historia do home invisible; e para os máis maiores: El clan del oso cavernario ou Un médico en el Congo.

8. Que libro lles recomendarías aos teus netos?
A neta, de 10 anos, é tamén moi lectora. Agora está lendo os meus do Harry Potter e Las aventuras del pequeño Nicolás que lle regalou o outro neto, Alberto, de 23 anos, el tamén me deixa os seus libros para ler; gustárame moito Sinuhé el egipcio.

Imprescindibles para Antonio Sánchez Suárez, pai da profesora Iolanda.

lunes, 28 de abril de 2008

Tierra




Tierra rodouse do 10 de outubro de 2003 ao 16 de setembro de 2006 na Península Antártica; Arxentina; Illa Banks, Canadá; Val de Danum, Borneo; Val do Everest, Nepal; Gabón, Golfo de México; Himalaya, Nepal; Xapón; Deserto do Kalahari, Botswana; Val de Kali Gandaki, Nepal; Karakórum, Paquistán; Bosque Kibale, Uganda; Laponia, Suecia; Territorios do Noroeste, Canadá; Delta do Okavango, Botswana; Costa do Pacífico, California, EE.UU.; Rurutu, Polinesia Francesa; Deserto do Sahara, Níxer; Illa Seal, Sudáfrica; Svalbard, Noruega; Reino Unido; Venezuela; Vermont, EE.UU.; Vladivostok, Siberia; e Highlands Occidentais, Papúa Nova Guinea.


A túa disposición na biblioteca: 10516/DVD/664

jueves, 24 de abril de 2008

II Guerra mundial na biblioteca




O alumnado de 1º de Bacharelato de Sociais achegouse á II Guerra Mundial dun xeito moi activo xa que, durante uns días, convertéronse en auténticos reporteiros de guerra. Pero non corrían perigo ningún: estaban rodeados de libros.

E é que para levar a cabo o traballo proposto polas profesoras de Historia e Lingua Galega, Leonor e Marisé, “tomaron” a biblioteca do instituto e, armados con libros e películas, conseguiron sacar adiante unha tirada de 13 xornais que reflicten os acontecementos vividos naqueles anos.

Debían canalizar as novas que crían interesantes sobre o tema no formato dun xornal. Valoraráselles tanto a orixinalidade do soporte como o impacto do contido das súas investigacións.

Desde a Biblioteca queremos felicitarvos por estes magníficos traballos. Un aviso para os xornais: non perdades de vista os futuros xornalistas das Mariñas.

miércoles, 23 de abril de 2008

Feira do libro na biblioteca.

BubbleShare: Share photos - Powered by BubbleShare



Este 23 de abril celebrámolo cunha feira do libro dentro da propia biblioteca que estivo moi concorrida.

Desta volta non eran as lectoras e lectores os que ocupaban as mesas, eran os propios libros expostos nas "casetas" de: Arte, Mitoloxía, Historia, Bioloxía e Botánica, Narrativa, Teatro, Banda Deseñada, Poesía, Matemáticas..., e como non, tamén tivo o seu espazo a "caseta" dos Imprescindibles.


Os préstamos que se realizaron foron 56, e, entre o alumnado que levou un libro, realizouse un sorteo onde resultaron premiados, por esta orde, os seguintes números de lectores e lectoras:

  • 715: Miguel Ángel Rodríguez Buján (BT2A)


  • 586: Paula Santos Cendán (3º ESO-B)


  • 686: María Jesús Barbeito (CS AeF)


  • 313: Paula Balsa Crespo (3º ESO-A)


  • 685: Sandra Sanjuán (CS AeF)


Desde a Biblioteca desexamos expresarlles os nosos parabéns aos gañadores e gañadoras. Xa poden pasar a recoller o seu premio.


Mañá, como o resto do curso, seguiremos festexando os Días do libro.


BubbleShare: Share photos - Powered by BubbleShare

O Liberespazo



Os que teñen o privilexio de se converter en lectores son os afortunados beneficiarios de dúas experiencias iniciáticas sucesivas. En primeiro lugar, descobren os libros na súa individualidade. Descobren que eses pequenos ortoedros de papel aliñados nos estantes, tan anódinos e semellantes entre si, cheos á súa vez de diminutos garabatos que se repiten monotonamente como inmóbiles procesións de formigas, son en realidade irrepetibles caixas de sorpresas, cofres do tesouro que ao abrilos derraman no noso interior resplandecentes xemas que só eles conteñen, países de marabillas con climas e xeografías propios.



E iso é só o principio. Hai un segundo descubrimento que consuma e consolida o anterior, o de que un libro non é cofre solitario, un compartimento estanco, un hortus conclusus. Os países das marabillas non son illas. Despois de descubrir que os libros non son todos iguais, redescubrimos que, nalgunha medida e como suxire a súa aparencia física, si o son (tese, antítese, síntese), posto que pertencen a unha mesma especie. Descubrimos que os libros se relacionan uns con outros de mil maneiras, levan uns a outros por mil camiños, comunícanse -por amplos corredores ou portas secretas- como as salas dun pazo inmenso forman parte dun organismo vivo e en continuo desenvolvemento, son follas dunha mesma árbore. Descubrimos a literatura, nunha palabra. Non como materia escolar, non como catálogo de títulos e autores, senón como mundo animado, como universo. Descubrimos a galaxia Gutenberg, o liberespazo, moi anterior ao ciberespazo e mellor cartografado, aínda que non por iso menos rico en sorpresas e aventuras. E aou converternos en libernautas accedemos, entre a infancia e a adolescencia, ao noso primeiro territorio libre. Que á súa vez nos leva -ou cando menos nos invita a visitalos- aos demais ámbitos da liberdade. Porque só a cultura nos fai libres, como diría Martí. E só a lectura nos fai cultos.





(Este texto é un agasallo do autor para as Bibliotecas Escolares de Galicia, co gallo do Día Internacional do Libro)
Related Posts with Thumbnails