martes, 29 de abril de 2008

Todos os libros son imprescindibles.

Charla cun lector de 78 anos.

1. Cal foi o primeiro libro que liches?
As miñas primeiras lecturas remóntanse á escola. Primeiro foi o silabario, logo o Catón e canda este, tiñamos que aprender de memoria, cada día, un anaco da cartilla.

2. Que libros lías de mozo?
Aos 17, 18 anos lía novelas do oeste. Mercabámolas na libraría de Ordes. Tamén as había de segunda man, nas mesmas librarías por 25 céntimos dos de antes (1 real). Lembro que aos 21 anos, costaba cambialas 1 peseta. Todos liamos novelas do oeste, era a moda. Nas cidades chegaban antes as novidades.

A época en que máis lin foi en Lugo, durante o servizo militar (quinta do 50). Todos os soldados tiñan novelas do oeste.

3. Por que deixaches de ler tanto?
En canto rematei a mili comecei a traballar en serio e xa non tiña moito tempo.

4. Cando comezaches coa aventura da lectura outra vez?
Haberá sete ou oito anos, desde que me xubilei, máis ou menos.

5. Cantos libros les ao mes?
Segundo como sexan. Leo unhas 200 ou 300 páxinas á semana. Nun día de invernía, cando non saio fóra, chego a ler unhas 150, 175 páxinas. Non me dedico só a ler, teño que traballar tamén no campo: crío faisáns, coellos, galiñas... De cando en vez restauro algún moble, culetas de escopetas de caza que me traen...

6. Que libro consideras imprescindible?
Todos os libros son imprescindibles.

A min gústanme os de intriga, os de historia, os de aventuras, os que se basean en feitos reais...
De entre os que máis me gustaron están: O clan do oso cavernario, Los pilares de la tierra (mellor o segundo que o primeiro), as aventuras do capitán Alatriste, El código Davinci, Un médico en el Congo de Joaquín Sanz Gadea, os de Agatha Christie, os de Harry Potter...

El Quijote lino polo 50, en 8 tomos de 40 x 30 cm, tiña letras douradas, títulos xigantes... era unha edición moi rica que me deixara un canónico en Santiago.

7. Que libro lles recomendarías aos nosos alumnos?
Á parte dos de Harry Potter, que sabemos que lles gusta a todos os rapaces, ou os de Agatha Christie, eu recomendaríalles El hombre sin cara, a historia do home invisible; e para os máis maiores: El clan del oso cavernario ou Un médico en el Congo.

8. Que libro lles recomendarías aos teus netos?
A neta, de 10 anos, é tamén moi lectora. Agora está lendo os meus do Harry Potter e Las aventuras del pequeño Nicolás que lle regalou o outro neto, Alberto, de 23 anos, el tamén me deixa os seus libros para ler; gustárame moito Sinuhé el egipcio.

Imprescindibles para Antonio Sánchez Suárez, pai da profesora Iolanda.

No hay comentarios:

Related Posts with Thumbnails