martes, 20 de mayo de 2008

Debate dialéctico entre institutos.




Equipo do IES Vilar Ponte de Viveiro: Anselmo,Vanesa, Sara, Samuel e Diego, Vs. equipo do IES As Mariñas de Betanzos: Dores, Samuel, Adriana, Mónica e Adrián.
Data: 9 de maio.

Pasadas as dez da mañá chegaban ao noso instituto os amigos de Viveiro e, logo de ver un pouco o centro, na Biblioteca foron entrevistados por unha locutora de Radio Betanzos. Despois todo estaba preparado no salón de actos para o enfrontamento dialéctico, para defenderen con enerxía as posicións a favor e en contra do tema debatido na 1ª Liga de Debate en Compostela: “Debe primar a seguridade pública sobre as liberdades individuais?”. O acto presentárono: Iolanda, compañeira das Mariñas, quen despois dunha brillante intervención, cedeulle a palabra a Santiago Martínez o noso presentador de honra, organizador e director do torneo dialéctico en Santiago.

O debate caracterizouse pola complicidade e a deportividade. No remarte, o xurado (Iolanda, Santiago e Bran, o noso director) logo do silencio teatral do portavoz (Santiago), considerou que o resultado fora un claro empate. Como non: gañaron ambos equipos coñecéndose e facéndose amigos.

Nesta ocasión o equipo de Betanzos converteuse en cicerone para os invitados e leváronos ao Pasatempo, ao casco histórico e a Chelo. En fin, unha xornada memorable que se repetirá en breve no Instituto Vilar Ponte de Viveiro. E todo grazas á 1ª Liga de Debate e ás amizades que alí xurdiron.

Parabéns aos que a fixeron posible, e a este grupo de rapaces e rapazas que souberon rendibilizar á estadía en Compostela.

Escrito por Dores, capitá do noso equipo de debate.

lunes, 19 de mayo de 2008

19 de maio, día das Letras.




E 22 de maio, e 13 de xuño, e 9 de xullo e 28 de setembro... Celebrámolas decote. O que si devén pasaxeiro é a conmemoración do persoeiro homenaxeado.


Esta biblioteca caracterízase pola súa xenerosidade e manterá a exposición de libros un tempiño máis. De igual xeito, gozaredes durante uns días máis dos caligramas que os alumnos de 4º de Técnicas de expresión escrita confeccionaron a partir dos versos de Xosé María Álvarez Blázquez.


jueves, 15 de mayo de 2008

Boletín de maio. Protagonista: Xosé María Álvarez Blázquez.

Nas librarías, nos xornais, na radio, na televisión... Todos son a falar deste autor homenaxeado no Día das Letras. Na nosa biblioteca ofrecémovolo en primeira persoa no boletín de maio que xa está á vosa disposición; e de balde, eh! Non precisades mercar nada para levardes á casa información de Xosé María Álvarez Blazquez.

Para a confección do boletín, como en anos anteriores, contamos coa axuda do Departamento de Lingua Galega e co de Normalización Lingüística. Os bos e xenerosos...


Lemos, na autobiografía recreada por Dores Cao:


Fun o terceiro dos irmáns Álvarez Blázquez, fillo do Dr. Darío Álvarez Limeses "O médico dos pobres" e axiña pensamos: con ese pai debera saír algo bo. Así foi, de tal pano tal saia. Xosé María cóntanos a súa vida, os esforzos por ser mestre, as inxustizas dunha guerra fraticida, os asasinatos vividos na súa familia, as vivencias do amor, a morte dos seres queridos, a súa loita incansable pola nosa cultura... Realmente merece a conmemoración.


O boletín recolle asemade unha escolma de poemas e, na última páxina, fálasenos da saga dos Álvarez: desde os devanceiros aos últimos descendentes, ao futuro; desde o petrucio Emilio Álvarez Giménez aos fillos do homenaxeado. Toda unha familia marcada pola inquedanza cultural e comprometida co país.


Os Álvarez, produto galego de calidade.

miércoles, 14 de mayo de 2008

"Memorias dun neno labrego", imprescindible.

Pasaron xa moitos anos, algúns máis de trinta, desde que lin as memorias de Balbino, dese rapaz da aldea. Tal vez porque me sentín un pouco coma el, xa nunca se me esvaeceu. Lembro a emoción con que lin a súa historia, a rabia contida ante as inxustizas que tan ben recreou Neira Vilas, e lembro tamén as bágoas da miña nai cando eu lle lía este libro. Recordos vivos!

De certo, Xosé Neira Vilas recreou coma ninguén o mundo do rural galego, o mundo da aldea, con moito traballo e pouca escola, con incomunicación, soños e decepcións, humillacións e ilusións. É certo que os nosos mozos e mozas non viven como Balbino, pero non é menos certo que a inxustiza social segue vixente. Aínda hoxe non todos teñen as mesmas oportunidades e, se Balbino chegaba canso á escola polo traballo arreo no campo, non é menos certo que algúns dos nosos alumnos e alumnas, desde ben pequenas, asumen responsabilidades de adultos.

A min foi unha novela que me levou a ler moitas outras e deume pulo para saír adiante cando me doían as costas co duro traballo. E sempre me leva a pensar que os balbinos seguen estando aquí e en todas partes.
Porque logo de tantos anos esta historia segue comigo, animo a todos os que aínda non a leron a facelo.

“Se pelexamos entre nós, métense eles. Non se decatan de que as nosas liortas son namais que enredos. Rabuñámonos agora e daquí a un chisco estamos amigos outra vez. Fan de xuíces e zoscan a quen cadra e coma cadra, sin averiguacións. As nosas mans son pequenas e non magoan; as deles pesan, fan doer. Se deprendesen de nós non irían á guerra…”

O AUTOR:
XOSÉ NEIRA VILAS (Gres-Vila de Cruces, 1928)
De familia labrega, que compaxinou ata os catorce anos a escola cos traballos do campo. Logo traballou nun serradoiro e co desexo de vencer a miseria económica e cultural que o rodeaba emigrou a Bos Aires. En Arxentina participou na fundación das Mocidades Galeguistas e da editorial Follas Novas. Entre o 1961 e o 1994 viviu en Cuba e desde ese ano reside no noso país.

Entre as súas obras destacan tamén: Cartas a Lelo; Aqueles anos do Moncho; Xente no rodicio; A muller de ferro; Historias de emigrantes... etc.

Premio da Crítica Española (narrativa) e premio da Crítica Galega (ensaio). Fóronlle outorgadas as medallas Castelao, Pedrón de Honra e Celanova Casa dos Poetas.
Actualmente ten unha sección fixa en El Correo Gallego ("Arredor do mundo", columna dominical) e publica puntualmente artigos culturais e de tema literario no Galicia Hoxe.

Imprescindible para Dores Cao. Departamento de Lingua e Literatura Galegas.

lunes, 12 de mayo de 2008

Facendo números

O paso do tempo séntalle bárbaro á nosa biblioteca. Cada ano máis remozada, máis chea de vida.



Esta é a evolución dos préstamos durante os cinco últimos cursos, collendo como referencia o período que vai desde o 1 de outubro ata o 8 de maio. Hai que ver o que medrou!


O curso 06/07 foi o noso primeiro ano no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares de Galicia. Tomamos o Plan en serio, puxémonos en forma e, como se pode comprobar na gráfica, coincide cunha suba moi importante (151,12% con respecto ao curso anterior) no número de fondos emprestados. Tendencia que se consolida e aumenta no presente curso. Non deixaremos de adestrar para mellorar as nosas marcas!


Esta gráfica amosa o desglose dos préstamos durante este curso (tamén desde o 1 de outubro ata o 8 de maio): os libros (54%) gáñanlle a partida ás películas (43%) e mais á música (4%).

O noso alumnado prefire o Oliver Twist de Charles Dickens ao de Roman Polanski, El nombre de la rosa de Umberto Eco ao de Jean-Jacques Annaud. As mil palabras dinlles máis que a imaxe aos nosos lectores e lectoras.

Facemos números e os díxitos alíanse ás letras. Ata onde chegaremos para o remate do curso?

viernes, 9 de mayo de 2008

todosconelsahara

Onte falláronse os premios do I Concurso Bir Lehlu de fotografía solidaria co pobo saharauí.


Sobran as palabras. As imaxes falan por se soas.



Ver todas as fotos




jueves, 8 de mayo de 2008

I Liga de Debate

“Convén que combatan as ideas para que non teñan que combater as persoas” (Karl Poppe).

Esta máxima introduciu algún dos debates aos que tivemos a sorte de acudir en Santiago á I Liga de Debate, e en verdade afirmo, en calidade de espectadora, que os nosos rapaces e rapazas galegas ofreceron un combate de ideas exemplar.

A pregunta desta primeira liga foi: “Debe primar a seguridade pública fronte á liberdade individual?” Bo tema, non si?
E ti, que opinas? Tes claro o teu posicionamento?

Pois ben, os equipos estaban preparados para defender ambas posturas: a favor ou en contra, coma se fose a única na que crían. Expoñían a súa tese, logo viñan dúas quendas de refutación á postura do contrincante e remataban con cadansúa conclusión. E fixérono. Defendían a súa opción con razoamentos sopesados, con exemplos documentados, con argumentos de autor, con forza, con convicción. Tiñamos ante nós verdadeiros oradores, coa arte de gañar a nosa vontade coa palabra.
Tres días intensos onde prevaleceu a dialéctica, a solidariedade,... os nervios, a tensión, a incomodidade duns traxes aos que non estaban afeitos, duns tacóns que á fin do día encarceraban os pés...

Parabéns non só para o IES Zalaeta da Coruña que gañou esta I liga de debate; non só para o noso equipo: Adriana, Samuel, Dores, Mónica e Adrián que nos seus debates engaiolaron o público coas súas argumentacións e a súa forza na defensa da postura que defendían nese momento; parabéns tamén para os oradores e os investigadores dos 22 equipos restantes, que agoiraron un futuro onde a loita coa palabra pode prevalecer sobre a loita coa violencia.

Mañá venres, teremos a sorte de ver en acción o noso equipo e mais o equipo do IES "Vilar Ponte" de Viveiro, que veñen ás Mariñas para darnos exemplo de oratoria.

Canto temos que aprender os adultos...!!!

martes, 6 de mayo de 2008

¡Viva la Ciencia!


O catedrático José Manuel Sánchez Ron e o debuxante Antonio Mingote, ambos membros da Real Academia Española, escribiron este libro para "ofrecer una visión científica del mundo de la manera más sencilla posible".


En palabras dos propios autores recollidas no xornal "El país": " Se trata de una historia de aventuras, de las aventuras científicas, de éxitos, fracasos, peripecias y rivalidades. Estoy fascinado con las biografías de los sabios que hemos elegido para el libro porque, en realidad, son exploradores de la ciencia" (Antonio Mingote).


"La ciencia es una pasión que exige curiosidad por conocer el origen de las cosas, por descubrir las razones que mueven la vida y el mundo. Lo que ocurre es que las disciplinas científicas aparecen como algo complicado y distante. Para aquellos que yo llamo los beatos de las letras, un investigador o un físico no pueden equipararse a un pintor, un escritor o un músico. Faltaría más. Me parece un grave error ese menosprecio por los científicos" (José M. Sánchez Ron).
Á túa disposición na biblioteca

miércoles, 30 de abril de 2008

Manuel Lourenzo, o vento.

BubbleShare: Share photos - Play some Online Games.


A nosa biblioteca converteuse no escenario do teatro máis privilexiado deste país. Tiñamos connosco a Manuel Lourenzo, senlleira figura da dramaturxia galega: actor, director, escritor teatral...; director e actor tamén de cine e televisión, quen non lembra o “Melghacho”!

Desta volta a función era para un público reducido, público privilexiado. Representábase: “Entrevista con Manuel Lourenzo”. No papel de entrevistadoras estaban: Lola Palmeiro e Marta Bolaño, alumnas de Literatura Galega do s. XX; e no personaxe principal, o propio Manuel, que as engaiolou coa súa verba xenerosa e chea de experiencias vitais.

Logo, xa para un público máis amplo, no salón de actos Manuel Lourenzo presentaríanos: “O teatro ou é vento ou non é nada”. Impulsada por Noelia Sánchez e Patricia Brea sentimos bater nas nosas caras toda a forza da traxedia grega que proxectaba o conferenciante. E resistimos o Soán das improvisacións dos alumnos Daniel Fraga e Adrián Fernández. E deixámonos levar polo vento mareiro de Dores, a alumna serodia do mestre. E todo dirixido por Eolo, Manuel Lourenzo.

Que nunca falte o vento. Atoparédelo na nosa biblioteca.

martes, 29 de abril de 2008

Todos os libros son imprescindibles.

Charla cun lector de 78 anos.

1. Cal foi o primeiro libro que liches?
As miñas primeiras lecturas remóntanse á escola. Primeiro foi o silabario, logo o Catón e canda este, tiñamos que aprender de memoria, cada día, un anaco da cartilla.

2. Que libros lías de mozo?
Aos 17, 18 anos lía novelas do oeste. Mercabámolas na libraría de Ordes. Tamén as había de segunda man, nas mesmas librarías por 25 céntimos dos de antes (1 real). Lembro que aos 21 anos, costaba cambialas 1 peseta. Todos liamos novelas do oeste, era a moda. Nas cidades chegaban antes as novidades.

A época en que máis lin foi en Lugo, durante o servizo militar (quinta do 50). Todos os soldados tiñan novelas do oeste.

3. Por que deixaches de ler tanto?
En canto rematei a mili comecei a traballar en serio e xa non tiña moito tempo.

4. Cando comezaches coa aventura da lectura outra vez?
Haberá sete ou oito anos, desde que me xubilei, máis ou menos.

5. Cantos libros les ao mes?
Segundo como sexan. Leo unhas 200 ou 300 páxinas á semana. Nun día de invernía, cando non saio fóra, chego a ler unhas 150, 175 páxinas. Non me dedico só a ler, teño que traballar tamén no campo: crío faisáns, coellos, galiñas... De cando en vez restauro algún moble, culetas de escopetas de caza que me traen...

6. Que libro consideras imprescindible?
Todos os libros son imprescindibles.

A min gústanme os de intriga, os de historia, os de aventuras, os que se basean en feitos reais...
De entre os que máis me gustaron están: O clan do oso cavernario, Los pilares de la tierra (mellor o segundo que o primeiro), as aventuras do capitán Alatriste, El código Davinci, Un médico en el Congo de Joaquín Sanz Gadea, os de Agatha Christie, os de Harry Potter...

El Quijote lino polo 50, en 8 tomos de 40 x 30 cm, tiña letras douradas, títulos xigantes... era unha edición moi rica que me deixara un canónico en Santiago.

7. Que libro lles recomendarías aos nosos alumnos?
Á parte dos de Harry Potter, que sabemos que lles gusta a todos os rapaces, ou os de Agatha Christie, eu recomendaríalles El hombre sin cara, a historia do home invisible; e para os máis maiores: El clan del oso cavernario ou Un médico en el Congo.

8. Que libro lles recomendarías aos teus netos?
A neta, de 10 anos, é tamén moi lectora. Agora está lendo os meus do Harry Potter e Las aventuras del pequeño Nicolás que lle regalou o outro neto, Alberto, de 23 anos, el tamén me deixa os seus libros para ler; gustárame moito Sinuhé el egipcio.

Imprescindibles para Antonio Sánchez Suárez, pai da profesora Iolanda.

lunes, 28 de abril de 2008

Tierra




Tierra rodouse do 10 de outubro de 2003 ao 16 de setembro de 2006 na Península Antártica; Arxentina; Illa Banks, Canadá; Val de Danum, Borneo; Val do Everest, Nepal; Gabón, Golfo de México; Himalaya, Nepal; Xapón; Deserto do Kalahari, Botswana; Val de Kali Gandaki, Nepal; Karakórum, Paquistán; Bosque Kibale, Uganda; Laponia, Suecia; Territorios do Noroeste, Canadá; Delta do Okavango, Botswana; Costa do Pacífico, California, EE.UU.; Rurutu, Polinesia Francesa; Deserto do Sahara, Níxer; Illa Seal, Sudáfrica; Svalbard, Noruega; Reino Unido; Venezuela; Vermont, EE.UU.; Vladivostok, Siberia; e Highlands Occidentais, Papúa Nova Guinea.


A túa disposición na biblioteca: 10516/DVD/664

jueves, 24 de abril de 2008

II Guerra mundial na biblioteca




O alumnado de 1º de Bacharelato de Sociais achegouse á II Guerra Mundial dun xeito moi activo xa que, durante uns días, convertéronse en auténticos reporteiros de guerra. Pero non corrían perigo ningún: estaban rodeados de libros.

E é que para levar a cabo o traballo proposto polas profesoras de Historia e Lingua Galega, Leonor e Marisé, “tomaron” a biblioteca do instituto e, armados con libros e películas, conseguiron sacar adiante unha tirada de 13 xornais que reflicten os acontecementos vividos naqueles anos.

Debían canalizar as novas que crían interesantes sobre o tema no formato dun xornal. Valoraráselles tanto a orixinalidade do soporte como o impacto do contido das súas investigacións.

Desde a Biblioteca queremos felicitarvos por estes magníficos traballos. Un aviso para os xornais: non perdades de vista os futuros xornalistas das Mariñas.

miércoles, 23 de abril de 2008

Feira do libro na biblioteca.

BubbleShare: Share photos - Powered by BubbleShare



Este 23 de abril celebrámolo cunha feira do libro dentro da propia biblioteca que estivo moi concorrida.

Desta volta non eran as lectoras e lectores os que ocupaban as mesas, eran os propios libros expostos nas "casetas" de: Arte, Mitoloxía, Historia, Bioloxía e Botánica, Narrativa, Teatro, Banda Deseñada, Poesía, Matemáticas..., e como non, tamén tivo o seu espazo a "caseta" dos Imprescindibles.


Os préstamos que se realizaron foron 56, e, entre o alumnado que levou un libro, realizouse un sorteo onde resultaron premiados, por esta orde, os seguintes números de lectores e lectoras:

  • 715: Miguel Ángel Rodríguez Buján (BT2A)


  • 586: Paula Santos Cendán (3º ESO-B)


  • 686: María Jesús Barbeito (CS AeF)


  • 313: Paula Balsa Crespo (3º ESO-A)


  • 685: Sandra Sanjuán (CS AeF)


Desde a Biblioteca desexamos expresarlles os nosos parabéns aos gañadores e gañadoras. Xa poden pasar a recoller o seu premio.


Mañá, como o resto do curso, seguiremos festexando os Días do libro.


BubbleShare: Share photos - Powered by BubbleShare

O Liberespazo



Os que teñen o privilexio de se converter en lectores son os afortunados beneficiarios de dúas experiencias iniciáticas sucesivas. En primeiro lugar, descobren os libros na súa individualidade. Descobren que eses pequenos ortoedros de papel aliñados nos estantes, tan anódinos e semellantes entre si, cheos á súa vez de diminutos garabatos que se repiten monotonamente como inmóbiles procesións de formigas, son en realidade irrepetibles caixas de sorpresas, cofres do tesouro que ao abrilos derraman no noso interior resplandecentes xemas que só eles conteñen, países de marabillas con climas e xeografías propios.



E iso é só o principio. Hai un segundo descubrimento que consuma e consolida o anterior, o de que un libro non é cofre solitario, un compartimento estanco, un hortus conclusus. Os países das marabillas non son illas. Despois de descubrir que os libros non son todos iguais, redescubrimos que, nalgunha medida e como suxire a súa aparencia física, si o son (tese, antítese, síntese), posto que pertencen a unha mesma especie. Descubrimos que os libros se relacionan uns con outros de mil maneiras, levan uns a outros por mil camiños, comunícanse -por amplos corredores ou portas secretas- como as salas dun pazo inmenso forman parte dun organismo vivo e en continuo desenvolvemento, son follas dunha mesma árbore. Descubrimos a literatura, nunha palabra. Non como materia escolar, non como catálogo de títulos e autores, senón como mundo animado, como universo. Descubrimos a galaxia Gutenberg, o liberespazo, moi anterior ao ciberespazo e mellor cartografado, aínda que non por iso menos rico en sorpresas e aventuras. E aou converternos en libernautas accedemos, entre a infancia e a adolescencia, ao noso primeiro territorio libre. Que á súa vez nos leva -ou cando menos nos invita a visitalos- aos demais ámbitos da liberdade. Porque só a cultura nos fai libres, como diría Martí. E só a lectura nos fai cultos.





(Este texto é un agasallo do autor para as Bibliotecas Escolares de Galicia, co gallo do Día Internacional do Libro)

martes, 22 de abril de 2008

O conde de Montecristo


É a historia dun mariño encarcerado porque dous adversarios seus (un no amor e outro no barco) planean unha emboscada para que o acusen como conspirador de Napoleón. Despois de case catorce anos, logra escapar do cárcere e acha un tesouro do que lle falara outro preso (o abate Farías).
Ese tesouro está na illa de Montecristo, da cal, o dende entón chamado Conde, toma o seu nome.
Así, millonario, vai en busca dos motivos que o levaron ao cárcere e planea a vinganza contra os traidores.
É unha historia moi boa e moi intelixente. Unha demostración das miserias humanas, da cobiza, e da envexa entre os homes.


Imprescindible para Juan Ogando, profesor de Relixión


Na biblioteca:
En castelán: 821-3/DUM/con
Película: 8988/DVD/362

jueves, 17 de abril de 2008

Le petit prince (O principiño)

O autor
Antoine de Saint-Exupéry (1.900, Lyon) nace no seo dunha familia da nobreza local. Pasará a súa infancia no castelo dos avós maternos coa nai e os catro irmáns, logo de morrerlle o pai cando tiña 4 anos. Viviu a experiencia do seu primeiro voo á idade de doce anos. Decidiu alistarse como piloto militar en l´Armeée de l´Air francesa ao se frustrar o seu desexo de ingresar na Mariña.
Participou no rescate de varios compañeiros en terras africanas, caendo el mesmo prisioneiro no intento.

En 1.931 escribe o seu libro Vol de nuit (Voo nocturno) e casa coa escritora salvadoreña Consolo Suncin Sandoval de Gómez, que servirá de inspiración para a creación da rosa temperamental na súa obra cume: O Principiño. Será a muller que o acompañará ao longo da súa vida, protagonizando con ela unha tormentosa historia de amor.

Foi correspondente na guerra civil española.

No ano 1.942 empeza a escribir O Principiño en Nova York. Alí recibe a noticia da invasión de Francia polas tropas alemás. Sérvese da súa influencia para que os Estados Unidos participe na guerra europea de liberación. Permanece durante un ano en Alxer. Alí suxírenlle que abandone o exército, xa que conta co maior número de misións e horas de voo que todos os seus compañeiros. A súa resposta foi contundente:
  • "Imposible. Quedarei cos meus compañeiros ata o final".

O 31 de Xullo de 1.944, o seu avión, un Lockheed Lightning P-38 (coñecido tamén como F-5), estrelouse no mar. Unha pitonisa anuncioulle sendo aínda moi novo:

  • “Será aviador e un escritor famoso, pero afástese do mar, e a partir dos corenta anos desconfíe dos avións que vostede pilote”

A súa desaparición constituíu un misterio, ata que en 1.998 un pescador atopou unha pulseira de prata co seu nome. Cinco anos despois apareceron os restos do seu avión, próximos ao lugar no que aparecera a xoia. Antes de partir á que sería a súa última misión, deixou escrito:

  • ”Se me derruban non estrañarei nada. O formigueiro do futuro asústame e odio a súa virtude robótica. Eu nacín para xardineiro. Despídome, Antoine de Saint-Exupéry”.
Este mes de marzo, lemos nos xornais que o alemán Horst Rippert, de 88 anos, recoñeceu ser o autor dos disparos que abateron o avión que dirixía o literato francés.
  • "Foi despois cando souben que era Saint-Exupéry. Eu esperaba que non fose el, porque na nosa mocidade todos leramos os seus libros e adorabámolos".

Argumento vivo

Medrei co principiño. Non, falando ao dereito: O principiño foi medrando en min nas diferentes lecturas que lle fixen.

Cando eu era rapaza, el era un neno que viña dun planeta pequerrechiño e que lle contaba as súas viaxes, andando na procura dos homes, a un aviador que se perdera no deserto. Lino en galego nunha 2ª edición, que aínda conservo, traducida por Carlos Casares.

Sendo moza namoradeira sentín dun xeito especial a relación coa súa rosa fronte as outras rosas existentes, e entendín o significado de “apprivoiser” (‘domesticar’, ‘crear vencellos’). Lino en francés cando cursaba 3º na Escola de idiomas.

Hoxe en día cómpre sabermos inglés e por suposto, lin de bo grao nesta lingua a obra de Saint-Éxupery. Desta volta aparecéronme: o faroleiro, escravo da rutina; o home de negocios, materialista incapaz de gozar da vida; o sabio xeógrafo; o raposo que lle aprende os fundamentos da amizade e a aceptar a persoa que tes ao carón; a flor, a entrega incondicional; e a morte, representada pola serpe, entendida como un paso máis da vida que deixa o pouso do recordo.

A próxima lectura, talvez en italiano, portugués; ou por que non, en amariña ao meu principiño. Que novos significados atoparei nel?

Na biblioteca:

En francés: 811.13/SAI/pet
En galego: 821.1-4/SAI/pri
En castelán: 821-4/SAI/pri

Imprescindible para Iolanda Sánchez Méndez, profesora de galego e de francés.

miércoles, 16 de abril de 2008

A Odisea

Homero, como autor d’A Ilíada e d’A Odisea é considerado o pai da literatura occidental. Pero cando falamos deste autor son máis as dúbidas sobre a súa persoa que as certezas.
Polos datos lingüísticos dedúcese que viviu na costa de Asia Menor e que, posiblemente, foi un aedo (cego?) que cara ao século IX a.C. deu forma literaria e unidade a uns relatos orais que circulaban por Grecia desde séculos.



Argumento

A Odisea cóntanos a viaxe de Odiseo (Ulises), rei de Ítaca, no seu regreso á casa despois de loitar durante dez anos fronte os muros de Troya formando parte do exército grego liderado por Agamenón.
Pero o camiño non é doado. Perseguido por uns deuses e axudado por outros, Odiseo, grazas á súa astucia e intelixencia, é quen de saír vencedor dos problemas aos que terá que enfrontarse nos dez anos que dura a viaxe. Escapará de monstros e seres mitolóxicos: Escila e Caribdis, As Sereas, Polifemo; baixará aos Infernos; e terá relacións con seres inmortales: Calipso e Circe.
Mentres, en Ítaca, a súa muller Penélope e o seu fillo Telémaco soportan os abusos dun grupo de pretendentes que están acabando cos seus bens.
Ao final, o heroe, só, consegue chegar á súa patria. O mal foi derrotado, triúnfa a xustiza e a familia reúnese de novo.


"Primeiro atoparaste coas Sereas, que seducen todos os homes que saen ao seu encontro. O que por ignorancia se achega e escoita a voz das Sereas, xa nunca vai a ter ao redor del, radiantes de alegría, nin a súa muller nin os seus fillos pequenos, por regresar a súa casa, pois as Sereas catívano co seu canto harmonioso. Elas habitan nun prado, e arredor hai un montón enorme de ósos de homes en descomposición, e as súas peles vanse alí consumindo. Ti pasa sen te deteres, mais tapa as orellas dos teus compañeiros con cera de mel abrandado, para que ningún deles as poida oír. En canto a ti, se as queres oír, fai que te aten, de mans e pés, á rápida nave, ergueito na base do mastro, e que as sogas se aten ao pau, e así terás o pracer de sentir a voz das Sereas".

Na biblioteca:

En galego: 811.14/HOM/odi

En castelán: 811.14/HOM/odi

En banda deseñada: 821-5/PER/odi e 821-5/WIL/ili

Película: 9017/DVD/391

Imprescindible para Joaquina Pérez, profesora de Grego

martes, 15 de abril de 2008

O vixía no centeo

What really knocks me out is a book that, when you’re all done reading it, you wish the author that wrote it was a terrific friend of yours and you could call him up on the phone whenever you felt like it. That doesn’t happen much, though.” (Holden Caulfield en The Catcher in the Rye)


“O que de verdade me deixa fóra de xogo é un libro que, cando o tes rematado, gustaríache que o autor que o escribiu fose un dos teus mellores amigos e que puideses chamalo polo teléfono sempre que te apetecese. Aínda que iso non pasa moito.” (Holden Caulfield en O vixía no centeo)


J. D. Salinger

Nace o 1 de xaneiro de 1919 en New York. A súa é unha familia acomodada, o que lle permite realizar unha longa viaxe por Europa no 1937. Namorado de Oona O’Neill,escribe para ela moitas cartas de amor e sufriu unha grande impresión cando ela casou con Charles Chaplin. Pouco é o que sabemos da súa vida; aínda que é coñecido que participou no desembarco de Normandía durante a Segunda Guerra Mundial e segundo os seus compañeiros, comportouse como un heroe na guerra.


A súa primeira novela é The Catcher in the Rye que narra a fin de semana que pasa o rapaz Holden Caulfield de 16 anos en New York unha vez que é expulsado da escola. A historia é un monólogo escrito con vocabulario da rúa que causou escándalo cando foi publicada no 1951.


É autor doutros relatos, pero parou de publicar no 1965. Comparte con outros escritores da “Xeración Beat” o desgusto coa sociedade na que viven, e a rebeldía que amosa tanto no seu xeito de escribir como no de vivir.


Salinger ten un carácter moi especial e foxe do contacto coa xente. Nunca concedeu unha entrevista nin permitiu ser fotografado. De cando en vez, hai rumores de que ten escrito outra novela, pronta para publicar, pero eses rumores esvaecen despois dun tempo.


Na biblioteca:

En galego: 821.1-4/SAL/vix

En castelán: 821-3/SAL/gua

Imprescindible para Inés Lobato, profesora de Inglés

domingo, 13 de abril de 2008

Viaxe ó centro da terra

Vida

Jules Verne naceu en Nantes, Francia, no ano 1828. Atraído desde rapaz polas viaxes e a aventura, escapou da súa casa cando tiña once anos e foi encontrado polo seu pai cando estaba a bordo dun barco con destino á India, disposto a converterse en mariñeiro.

Sen embargo, as cousas non resultaron ben. Seu pai castigouno con severidade. Ademais, tivo que facerlle unha promesa: nunca viaxaría a non ser que fose coa imaxinación.

E así foi. Verne apenas viaxou un par de veces fóra de Francia, pero convertiuse no escritor francés máis traducido da historia desta lingua.





Resumo do argumento


O libro é o relato dunha odisea por un mundo subterráneo. O profesor Lidenbrock atopa un antigo manuscrito que suxire a posibilidade de que exista en Islandia unha galería de acceso ó centro da terra. O profesor, o seu sobriño Axel e o guía islandés Hans póñense en camiño nunha apaixoante viaxe por cavernas subterráneas, na que, con moitas dificultades e obstáculos, o que van contemplando e vivindo é cada vez máis inquedante.



Jules Verne, un visionario



Nos seus libros Verne demostra ser un adiantado ó seu tempo, propoñendo inventos que non verían a luz ata moito despois:
-En Da terra á lúa, Verne situou a “lanzadeira” da primeira viaxe á lúa en Florida, preto do Cabo Cañaveral, desde onde hoxe a NASA lanza os seus foguetes espaciais.
-En A illa de hélice, fala dun cableado de información global (precursor da Internet) e da telefoto, esta última transmitía imaxe e son.
-En Robur, o conquistador, inventa unha especie de barco voador con hélices nos mástiles e movido por electricidade. O inventor dos primeiros helicópteros dixo inspirarse nesta novela cando os creou.
-Se ben a idea do submarino xa estaba na mente dos contemporáneos de Verne, en 20.000 leguas de viaxe submarina desenvolveu o uso de escafandras e tanques de buzo que non apareceron ata o século XX.


Un fragmento

“Baixa ó cráter de Yóculo do Sneffels por onde a sombra do Scartaris chega a acariñar antes das calendas de xullo, audaz viaxeiro, e chegarás ó centro da Terra, como cheguei eu.
Arne Saknussem.”



Preparádevos para unha viaxe inesquecible.

Na biblioteca:

En galego: 821.1-4/VER/via
En castelá: 821-4/VER/via
Película: 8992/DVD/366

Imprescindible para Santiago López, profesor de Lingua e literatura castelá.

lunes, 7 de abril de 2008

A illa do tesouro

A historia


Ao día seguinte da morte de seu pai, Jim Hawkins descobre casualmente un estrano mapa no baúl dun vello pirata que morreu na súa posada. Este mapa será o responsable dunha emocionante expedición a unha illa descoñecida na busca do mítico tesouro do capitán Flint.
Pero a aventura será tamén unha especie de viaxe de iniciación para Jim, que de orfo desvalido se convertirá en un adulto obrigado a tomar difíciles decisións.


O Autor

Escocés, nacido en 1850, Robert L. Stevenson tivo desde a súa infancia unha saúde feble, pero foi un gran viaxeiro e un dos mestres da literatura de aventuras. A partir das imaxes e as historias da súa infancia, escribiu a máis célebre das epopeas de piratas: A illa do tesouro.

Fillo dun enxeñeiro, estudou avogacía, malia que nunca chegou a exercela. Enfermo de tuberculose, viuse obrigado a viaxar continuamente en busca de climas apropiados para o seu estado de saúde.


Os seus últimos anos pasounos nunha afastada illa dos mares do Sur (Samoa Occidental) xunto á súa familia, e foi alí onde lle puxeron o alcume de Tusilata que significa “o contador de historias”

Curiosidades


· Loros, guacamaios e cacatúas eran as mascotas tradicionais dos mariñeiros que frecuentaban os países cálidos. Estes paxaros vivían a bordo e divertían a tripulación imitando as voces e repetindo as groserías que lles aprendían.
· A forca castigaba as faltas graves contra a disciplina marítima. Os culpables eran colgados da verga maior para que os visen desde todos os barcos da enseada.
· O “suplicio da táboa” era un castigo cruel que se lles aplicaba aos piratas. O condenado, cos brazos atados e os ollos vendados, empurrábase coa punta do sabre ata o extremo da táboa, desde onde caía ao mar.
· Stenvenson non menciona en ningún momento as coordenadas da illa do tesouro.





O comezo

“Téndome pedido o fidalgo Trelawney, o doutor Livesey, e o resto daqueles cabaleiros que escribise todos os particulares sobre a Illa do Tesouro, do principio ao fin, ocultando nada máis que a posición da illa (e iso só porque aínda queda alí parte do tesouro), tomo a pluma no ano de graza de mil e setecentos e ..., e volvo aos tempos de cando meu pai rexentaba a "Pousada do Almirante Benbow" e se veu instalar baixo o noso teito un home de mar moreno e cun corte de sabre na cara.

Lémbroo coma se fose onte: atravesando o limiar da pousada, o seu arcón mariñeiro seguíndoo nun carriño de man. Era un tipo alto, forte, pesado, moreno cor de noz; traía unha trenza esfregándoselle ao camiñar polos ombros ensebados da casaca azul; tiña as mans curtidas, cheas de cicatrices, con unñas negras e rotas; e un corte de sabre cruzándolle unha das fazulas cun recordo branquicento, lívido, suxo...



Na biblioteca


En galego: 821.1-4/STE/ill

En castelán: 821-4/STE/isl

Imprescindible para Marga Tarrío, profesora de Administración de empresas

domingo, 6 de abril de 2008

Abril mes dos libros

O 23 de abril de 1616 falecían Cervantes, Shakespeare e o Inca Garcilaso de la Vega. Tamén nun 23 de abril naceron ou morreron outros escritores eminentes como Maurice Druon, K. Laxness, Vladimir Nabokov, Josep Pla ou Manuel Mejía Vallejo. Por este motivo, esta data tan simbólica para a literatura universal foi a escollida pola Conferencia Xeral da UNESCO para renderlles unha homenaxe mundial ao libro e aos seus autores, e alentar a todos, en particular os máis novos, a descubrir o pracer da lectura e respectar a insubstituíble contribución dos creadores ao progreso social e cultural. A idea desta celebración partiu de Cataluña (España), onde este día é tradicional regalarlle unha rosa ao comprador dun libro.


Desde este blogue queremos renderlles unha homenaxe aos nosos e vosos libros.Os imprescindibles da biblioteca irán aparecendo aos poucos nesta páxina neste mes de abril.
Related Posts with Thumbnails