martes, 10 de febrero de 2009

O solitario George

Este que vedes aquí, son eu: George, o solitario George.

Queredes coñecer máis cousas de min?, pois lede con atención:

Son unha tartaruga xigante das Illas Galápagos pertencente á especie Geochelone nigra abingdoni. Levamos na Terra máis de 30 millóns de anos.
O de Solitario vén porque son a derradeira da miña especie.


Estou no mellor momento da vida xa que só teño 106 anos, aínda que espero vivir ata os 200 ou máis que é a esperanza de vida dos que son coma min.

No parque onde vivo comparto espazo con dúas fermosas tartarugas (femias) dunha especie parecida á miña coa esperanza de que poidamos procrear. Pero, malia que os ovos foron moi ben coidados, non chegaron a eclosionar. Pode que cando eu morra, a miña especie se extinga.

Meus pais coñeceron a Charles Darwin cando veu visitar as nosas illas. A de cousas que me teñen contado de cando estivo aquí! Ata se subía enriba deles…


Levo unha dieta moi sa: son herbívora. Os meus pratos favoritos son: herbas rastreiras, froitas, follas e cactus. A pesar disto, peso case 100 quilos...pero, claro, tede en conta que mido 1,45 por 1,40 m.

E preguntarédesvos: “Como é que a vosa especie está a piques de desaparecer?” Os homes dedicáronse a cazarnos, e especies invasoras como as cabras e as ratas axudaron a mermar a nosa comunidade.

No hay comentarios:

Related Posts with Thumbnails