Mostrando entradas con la etiqueta Letras Galegas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Letras Galegas. Mostrar todas las entradas

miércoles, 15 de mayo de 2013

Letras galegas 2013: Roberto Vidal Bolaño



Os departamentos de galego do IES Catabois e As Mariñas xuntáronse un ano máis para elaborar unha guía de lectura sobre o homenaxeado nas letras galegas: Roberto Vidal Bolaño, escritor e actor galego. 



miércoles, 18 de mayo de 2011

Son Lois Pereiro: "Luisiño", "Luchi" ou "Loisón"



Iolanda e Dores, responsables do Equipo de Dinamización Lingüística dos IES de Catabois e As Mariñas respectivamente, xuntáronse un ano máis para elaborar unha guía de lectura coa que darnos a coñecer ao homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas: Lois Pereiro.



Se queredes acceder a este traballo que nos achega a vida e obra do escritor, só tedes que clicar aquí ou na imaxe.

lunes, 17 de mayo de 2010

O TEU DÍA, UXÍO; O NOSO DÍA.

E se lles queres poñer música aos seus poemas, clica aquí.

viernes, 14 de mayo de 2010

Uxío e os libros

Velaquí van algúns fragmentos onde podemos ler o que o poeta do Courel pensaba dos libros. Os destacados, son subliñados do propio autor.

Pregón da Feira do libro Vigo-82

"O libro, certos libros facilítanlle ó home a máis crítica e veraz información frente os medios de comunicación de masas dominados polo poder ou polos intereses dos que o detentan.

Claro que a información nos libros ás veces chéganos demasiado tarde pra asistirnos no intre dunha urxencia de decisión que si a demoramos pode vir demasiado tarde. Pero hai tamén decisiós ou tomas de postura pra longo que nos deixan tempo. E aí sigo o sitio do libro reflexivo e máis fiable.


Libros contra a soedade do home.

Libros contra a desinformación.
Libros contra a malformación.
Libros contra libros.
Libros pra soñar i adiantar o posible.
Libros pra saber que as nosas dores non son solo nosas e pra mover a solidaridade que a nós tamén alcance.
Libros pra avantar.
Libros pra volver ó orixen.
Libros pra ler unha vez.
Libros pra ler máis veces.
Libros pra ver outro camiño, que pudo ou que pode ser o noso.
Libros pra erguerse.
Libros pra sentir indignación.
Libros pra sentirse culpabre.
Libros pra sentir o novo que está surxindo noutro sitio e que nos pode chegar, que nos chegará.
Libros pra suscitar.
Libros pra alentar.
Libros pra non cair baixo a trivialidade do exterior cotidiano.


Libros pra ser libres (importante).

O libro tamén teñe unha especial siñificación si pensamos concretamente en Galicia, na reivindicación da nosa patria e da nosa lengua, na verdade depositada na nosa lengua.

A moderna cultura galega, a moderna concencia galega, fíxose primordialmente a base de libros."

jueves, 13 de mayo de 2010

Son Uxío

Velaí tedes o boletín de Uxío Novoneyra.

"Son Uxío" di o seu título.

Sabiades que foi o escritor lugués Ánxel Fole quen comezou a chamarlle Uxío, cando xa era mozo? E sabiades que o seu apelido é a unión dos dous que se len na súa partida de nacemento?: "Eugenio Novo Neira".

Gozade coa lectura dos seus versos.

miércoles, 12 de mayo de 2010

Uxío Novoneyra: Do Courel a Compostela?

E por que non, D'As Mariñas a Catabois? Sería bo título para o boletín do Día das Letras que axiña ides ter á vosa disposición.

Este ano, o homenaxeado das nosas Letras é Uxío Novoneyra. Xa tedes unha exposición sobre a súa vida e obra colgada na cafetería. Desde este blogue irémonos achegando un pouquiño máis a este autor.

Estarédesvos a preguntar: que ten que ver "o poeta do Courel" con Betanzos e con Ferrol? Pois ben, un dos puntos de unión é que, como xa sabedes os de 3º da ESO, os Departamentos de Lingua Galega do noso instituto e mais o do IES Catabois de Ferrol están a realizar un intercambio entre vós (epistolar e cultural). Xunto cos Departamentos de Normalización e mais a axuda das Bibliotecas confeccionaron o boletín das Letras. Pero aínda hai máis nexos de unión que descubriredes nas páxinas sobre Uxío. Arriscádesvos a dicirnos cales son?

Se queredes ir achegándovos á poesía deste bardo do século XX pasádevos pola biblioteca, o universo de Novoneyra agarda as vosas excursións.

domingo, 17 de mayo de 2009

Internetras galegas

Nun país onde a Internet xa chega "a 3 de cada 10 fogares" queremos, desde este medio, seguir a celebrar as nosas letras:
  • desde a Rede que nos une

  • e, como non, desde Compostela, manifestándonos pola nosa cultura, polo noso idioma que nos une, a nosa columna vertebral.


No día da Internet, que nos une nesta aldea virtual unha lembranza máis para Ramón Piñeiro:

Ora, o home é un ser social. A súa individualidade realízase mesmamente na convivencia con outros homes. O "pobo" é a unidade natural de convivencia, a "cultura" é a súa forma i a "língoa" é o seu vehículo. A Humanidade realízase a través dos pobos, a través das culturas, a través das língoas. Ou seña, a través da pluralidade.

Nós, os galegos -e xustamente como galegos-, somos unha desas unidades naturales en que a Humanidade se realiza. Porque somos un pobo dotado dunha língoa e, polo mesmo, dunha cultura. A nosa misión consiste en facer que esa realidade orixinal acade a súa plenitude.

Somos os responsables de que prospere ou fracase unha creación que a vida humá expresa a través de nós.

Fragmentos do discurso de ingreso na Real Academia Galega de Ramón Piñeiro, lido o día 25 de novembro de 1967 .

viernes, 15 de mayo de 2009

Boletín Letras Galegas 2009

Entre os departamentos de Lingua Galega, Normalización e a Biblioteca, o BOLETÍN DAS LETRAS GALEGAS 2009 está a disposición da Comunidade Educativa do IES As Mariñas e de todos vós.

Comeza na biografía do autor homenaxeado, continúa coa análise do artigo de Manuel Rivas sobre a “Mesa Camilla” (por certo, nas Mariñas tamén cobrou vida a mesa estilo piñeirista), logo resalta a importancia de Galaxia na recuperación cultural daqueles anos escuros e difíciles, o significado do “piñeirismo” e os seus logros cobra vida nun boletín que finaliza nas lembranzas de Ramón Piñeiro da profesora de Lingua e Literatura, Dores Cao. E todo complementado con interesantísimas citas do galeguista homenaxeado.

Grazas a todas as que colaboraron na confección deste boletín, especialmente a Iolanda Sánchez Méndez, do departamento de Lingua Galega.

Artigo escrito por Dores Cao.

jueves, 14 de mayo de 2009

Ramón Piñeiro nas nosas "mesas camilla"

Nin a Xose Luis Franco Grande, nin a Carlos Casares, nin a Henrique Monteagudo, nin a Rosario Álvarez, nin a Manolo Rivas..., estes días temos o mesmísimo don Ramón Piñeiro ao redor da nosa mesa braseiro. Faltábannos as galletas da súa dona, Isabel, pero temos uns petiscos que son a tentación de máis de un.

Na mesa da biblioteca atoparedes os libros do autor. Na da entrada do instituto están expostos tamén os libros dos contertulios da rúa Xelmírez.

Se queres pasar e compartir sobremesa connosco, xa sabes onde estamos.


miércoles, 13 de mayo de 2009

Coñecendo a Ramón Piñeiro

O Departamento de Lingua e Literatura Galega xunto con Normalización Língüística e a Biblioteca vén de preparar unha pequena guía para achegarnos a figura de Ramón Piñeiro, homenaxeado no vindeiro día 17 deste mes: Día das Letras Galegas.


Clicando na imaxe atoparás datos sobre a súa vida, o seu labor como escritor e editor, a súa faceta política e a repercusión das tertulias feitas ao redor da "mesa camilla" da súa casa. Tamén atoparás enlaces a outras páxinas, así como a relación de libros, escritos por el ou sobre el, que tes á túa disposición na biblioteca.
Related Posts with Thumbnails