Velaquí van algúns fragmentos onde podemos ler o que o poeta do Courel pensaba dos libros. Os destacados, son subliñados do propio autor.
Pregón da Feira do libro Vigo-82
"O libro, certos libros facilítanlle ó home a máis crítica e veraz información frente os medios de comunicación de masas dominados polo poder ou polos intereses dos que o detentan.
Claro que a información nos libros ás veces chéganos demasiado tarde pra asistirnos no intre dunha urxencia de decisión que si a demoramos pode vir demasiado tarde. Pero hai tamén decisiós ou tomas de postura pra longo que nos deixan tempo. E aí sigo o sitio do libro reflexivo e máis fiable.
Libros contra a soedade do home.
Libros contra a desinformación.
Libros contra a malformación.
Libros contra libros.
Libros pra soñar i adiantar o posible.
Libros pra saber que as nosas dores non son solo nosas e pra mover a solidaridade que a nós tamén alcance.
Libros pra avantar.
Libros pra volver ó orixen.
Libros pra ler unha vez.
Libros pra ler máis veces.
Libros pra ver outro camiño, que pudo ou que pode ser o noso.
Libros pra erguerse.
Libros pra sentir indignación.
Libros pra sentirse culpabre.
Libros pra sentir o novo que está surxindo noutro sitio e que nos pode chegar, que nos chegará.
Libros pra suscitar.
Libros pra alentar.
Libros pra non cair baixo a trivialidade do exterior cotidiano.
Libros pra ser libres (importante).
O libro tamén teñe unha especial siñificación si pensamos concretamente en Galicia, na reivindicación da nosa patria e da nosa lengua, na verdade depositada na nosa lengua.
A moderna cultura galega, a moderna concencia galega, fíxose primordialmente a base de libros."
No hay comentarios:
Publicar un comentario