A feira do libro de Madrid.
Madrid. 7 de xuño de 2009. Paseo de coches del Retiro.
Non vaiades pensar que vos imos falar dunha competición automobilística! Desde o ano 70 a feira do libro vénse celebrando nesta zona do parque do Retiro, abandonado o Paseo de Recoletos que a viu nacer en 1933.
Malia o mal tempo desta fin de semana o paseo está ateigado de xente que busca entre tanta oferta ese libro desexado, ese agasallo perfecto, ese autor admirado para que lle dedique a obra. Tiñades que ver as colas que había para Ibáñez e para o noso Manuel Rivas. Imposible facerme cunha das súas dedicatorias para os nosos andeis.
Un dato que nos chamou a atención: a organización prohibiu a participación de editores e empresarios que se dediquen á comercialización de calquera produto relacionado co libro electrónico. Apoiamos esa decisión. Como lles dicía Anxo Fariña ás nosas Mariñas Lectoras: a un libro nunca se lle acaba a batería.
A feira remata o vindeiro domingo. Se por algún motivo vos tedes que desprazar a Madrid, xa sabedes. Mentres, pedídenos os títulos que desexedes ler, de seguro que na biblioteca tamén os temos. E de non ser así, cubre a folliña de suxestión de compras e miraremos de mercalo.
Crónica enviada pola profesora de Lingua e Literatura Galega, Iolanda Sánchez Méndez.
No hay comentarios:
Publicar un comentario