O equipo gañador de Falamos, achéganos o seu relato do acontecido no certame.
A ledicia pola vitoria do noso equipo é compartida por toda a Comunidade Educativa das Mariñas, como nos fixeron saber. Nós valoramos este tipo de actividades como moi interesantes para complementar a nosa formació, porque nos serven para aprender a investigar, a contrapor posicións, a escoitar, a saber defender argumentos en público ou a traballar en equipo.
Contámosvos: o venres 15 de xaneiro de 2010 celebrouse na E.T.S. de Náutica da Coruña o torneo de debate FALAMOS convocado pola Concellalía de Normalización Lingüística e organizado pola AS-PG. O tema de debate foi: O GALEGO, UN DEREITO OU UNHA OBRIGA?, e nel participamos oito equipos de distintos Institutos da comarca da Coruña. Os debates foron sucedéndose ao longo do día, desde as 8.45 da mañá en que confrontamos ideas o equipo do noso centro, As Mariñas de Betanzos e o Zalaeta de Coruña. Os 8 equipos estabamos organizados en dous grupos e o mellor de cada un deles disputaba a final, que foi entre o noso e o Monte das Moas, gañando finalmente o certame AS MARIÑAS de Betanzos. O equipo está integrado por Cristina González, Samuel Ois, Sergio Fernández, Sonia Martínez e Dores Cao (a capitá), e premiáronos nada menos que cunha viaxe a Lisboa e tamén unha colección de libros de Biblos . O equipo finalista levou cadanseu MP4 e os lotes de libros. Ademais a nosa Sonia Martínez Rilo obtivo o 2º premio á mellor oradora (un MP4 e un lote de libros). Imos recordar algúns dos argumentos que alí expuxemos a respecto deste tema tan de actualidade e que nos preocupa especialmente:
“Meus pais ensináronme unha lingua: o galego. Foron eles os que me agarimaron en galego e pouco a pouco dende a miña gorxa saían palabras que compoñían frases e que ao final serán todas esas frases o compoñente e legado que deixarei aos que veñan despois de min. Polo tanto, tamén teño a obriga de honrar a esas persoas que co galego legáronme un dos patrimonios máis importantes que ten un individuo: O IDIOMA, por iso, grazas, e estarei para sempre obrigado con vós.”
“Nós non estamos dispostos a renunciar a eses dereitos que, por desgraza, moito tempo levou conseguir. Alá cada un coas súas incompetencias, complexos e irresponsabilidades. Pero nós temos moi clara unha cous:, somos galegos, falamos galego e defenderemos o dereito a utilizar o noso idioma porque, en realidade, estamos a defender os nosos dereitos como cidadáns e ao mesmo tempo o máximo patrimonio colectivo que temos. E a iso, non renunciaremos xamais”.
E xa para finalizar esta fermosa aventura, o equipo das Mariñas queremos agradecer aos que fixeron posible este certame, así como o do pasado ano e como non as dúas Ligas Galegas de Debate, porque todos eles foron experiencias formativas, vivencias que completaron as mochilas invisibles da nosa aprendizaxe e as nosas vivencias. Tamén lembramos con moito agarimo aos que formaron parte do equipo en anteriores edicións: a Adrián Fernández, a Mónica Loureiro e a Adriana Yáñez, así como a todas as persoas que dunha ou doutra maneira nos axudastes, como sodes moitas non imos citarvos, sobre todo porque se nos pode esquecer algún nome, pero grazas pola axuda. Con todo temos que citar uns nomes que foron decisivos, sen eles non tería sido o mesmo; con moito agarimo e gratitude o agradecemento máis especial a Xurxo Fernández, a Iolanda Méndez, a Francisco Bran, anterior director das Mariñas, e a Miguel Vilela, o noso prezado director.
1 comentario:
Grazas, polos vosos agradecementos. Entre todos fixemos un bo traballo e cando estaba vendo o voso debate fun unha persoa moi feliz, xa que sentinme orgulloso do voso traballo e do enorme esforzo que fixestes para representar ao voso centro e facelo tan ben. Todo iso demostra que os rapaces saben facer as cousas ben e que temos futuro. Os meus máis sinceiros parabéns para todos, e especialmente a todos os rapaces e rapazas que pasaron polas diferentes confrontacións durante estes anos e que son os auténticos merecedores deste premio. E por suposto grazas a ti, Dores.
Publicar un comentario