miércoles, 8 de octubre de 2008

Crepúsculo

Cando lin este título pregunteime: que demos ten este libro para engaiolar a xente? Ben, esta pregunta, en realidade, fíxenma cando vin este libro no andel do meu queridísimo amigo Elros Yavetil. Cando lle preguntei se mo prestaba (pareceume interesante o que me comentou sobre el), díxome que o estaba relendo. Caeume a alma ao chan. Mais o caso é que como van botar a peli dixen: Por que non lelo? Cando o vin na bilioteca do meu instituto a pregunta de antes volveume á mente. Pero, en realidade, ao ver o libro (e as dúas partes seguintes) alí, foi coma se o anxo da Anunciación me iluminase e viñese cara a min. Isto foi o venres.

O sábado xa o tiña lido. O luns xa collín o segundo Luna nueva e o martes o terceiro: Eclipse. Estarédesvos preguntando como podo facer iso. Ben, eu respondo co seguinte: "As noites de inverno son longas (e escuras)". Considérome un bibliófilo.

Ben, despois de toda a parrafada anterior para comentarvos a odisea con estes libros, pásovos a comentar un pouco por riba o primeiro, Crepúsculo, para non quitarlle a emoción.

Este primeiro libro comeza coa aburrida personaxe principal (a personaxe é a aburrida, non eu) pois marcha á vila de seu pai (seus pais están separados), un lugar de América cuxo nome non quero desvelar, e é máis ben un lugar escuro, dado que sae pouco o sol por alá. En fin, Bella, que é como se chama a nosa aburrida personaxe, vai a esa vila para estudar e para estar lonxe de súa nai e do actual noivo desta.

No colexio, Bella coñece un grupo de xente estraña. Un deles é Edward, e é un vampiro.

Só podo engadir que se namoran (e de que xeito!), e a partir de aí, comeza unha serie de enredos que irás descubrindo ao longo do libro e que continúan en Luna nueva e Eclipse.

Está a piques de saír a última entrega desta fantástica colección. O seu título: Amanecer.

No hay comentarios:

Related Posts with Thumbnails