Esta máxima introduciu algún dos debates aos que tivemos a sorte de acudir en Santiago á I Liga de Debate, e en verdade afirmo, en calidade de espectadora, que os nosos rapaces e rapazas galegas ofreceron un combate de ideas exemplar.
A pregunta desta primeira liga foi: “Debe primar a seguridade pública fronte á liberdade individual?” Bo tema, non si?
E ti, que opinas? Tes claro o teu posicionamento?
Pois ben, os equipos estaban preparados para defender ambas posturas: a favor ou en contra, coma se fose a única na que crían. Expoñían a súa tese, logo viñan dúas quendas de refutación á postura do contrincante e remataban con cadansúa conclusión. E fixérono. Defendían a súa opción con razoamentos sopesados, con exemplos documentados, con argumentos de autor, con forza, con convicción. Tiñamos ante nós verdadeiros oradores, coa arte de gañar a nosa vontade coa palabra.
Tres días intensos onde prevaleceu a dialéctica, a solidariedade,... os nervios, a tensión, a incomodidade duns traxes aos que non estaban afeitos, duns tacóns que á fin do día encarceraban os pés...
Parabéns non só para o IES Zalaeta da Coruña que gañou esta I liga de debate; non só para o noso equipo: Adriana, Samuel, Dores, Mónica e Adrián que nos seus debates engaiolaron o público coas súas argumentacións e a súa forza na defensa da postura que defendían nese momento; parabéns tamén para os oradores e os investigadores dos 22 equipos restantes, que agoiraron un futuro onde a loita coa palabra pode prevalecer sobre a loita coa violencia.
Mañá venres, teremos a sorte de ver en acción o noso equipo e mais o equipo do IES "Vilar Ponte" de Viveiro, que veñen ás Mariñas para darnos exemplo de oratoria.
Canto temos que aprender os adultos...!!!
Canto temos que aprender os adultos...!!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario